A Asociación Sociocultural Boca do Monte organiza a 'VIII Xornada Castañeira'
Unha nova edición da 'Xornada Castañeira' chega aos Anguieiros, na parroquia de Montefurado, os vindeiros días 2 e 3 de novembro. A cita, organizada pola Asociación Sociocultural Boca do Monte en colaboración co Concello de Quiroga e a Área de Cultura da Vicepresidencia da Deputación de Lugo, é un encontro que busca socializar poñendo en valor a celebración comunitaria do Magosto
Durante as celebracións, o 2 de novembro, non faltarán as castañas asadas, acompañadas de empanada, viño e sobremesas. Ademais, dende a asociación explican que tamén haberá actividades para a rapazada, coa elaboración de cabazas de Samaín, e as visitas a caniceiras que aínda se conservan na aldea dos Anguieiros, lugares onde antigamente se secaban as castañas ao calor das cociñas baixas ou lareiras.
A actividades arrancarán ás 17.00 horas cun obradoiro de Cabazas de Samaín e as visitas ás caniceiras, mentres que ás 20.00 comezará a preparase o lume para o reparto de castañas asadas. A partir das 21.00 comezará unha merenda-cea onde, ademais de castañas, repartirse empanada, vino e licores. Por último, a cita rematará cunha foliada co grupo tradicional O Recanto.
Como novidade, a xornada deste ano incorpora unha andaina divulgativa na contorna do Túnel de Montefurado. Será o domingo 3 con saída ás 10.00 horas dende a aldea dos Anguieiros e volta ao mesmo lugar sobre as 13.00 horas, logo do roteiro pola antiga canle deste monumento natural único que lembra o pasado aurífero da zona. O guía será o xeólogo Óscar Pazos, autor do libro “A invención da Gallaecia e a minaría do ouro” (Aterra Libros 2023).