A Asociación AGORA, de Monforte de Lemos, renova a xunta directiva
A Asociación AGORA de Monforte de Lemos vén de renovar a xunta directiva durante a celebración da XXIII Asemblea Xeral Extraordinaria. A nova dirección estará integrada por Isaac Rodríguez como presidente, Mario Díaz como vicepresidente, Mónica Álvarez como secretaria, Manuel Barreiro como tesoureiro e, como vogais estarán: José David Castiñeira, Francisco Guitián, María del Carmen Guedes, Esther Jacobo, Dámaso Cachaldora e Pilar Silvosa.
"Esta etapa supón un reto e un gran pracer, pero tamén unha responsabilidade”, expresaba Isaac Rodríguez tras ser elixido presidente da entidade. No seu discurso tivo unhas palabras agarimosas para o que foi o presidente da entidade durante vinte e cinco anos, Manuel Barreiro, dicindo que “é un referente no movemento asociativo das persoas con discapacidade, o seu traballo e o do resto de compoñentes da súa directiva, deron lugar a un crecemento da entidade que a día de hoxe xestiona diferentes recursos e actividades dirixidos a mellorar a calidade de vida, o empoderamento e o exercicio dos dereitos das persoas con discapacidade”. Isaac remataba dicindo “agardo continuar dito traballo e co apoio de todas as persoas que este ano contribuíron á misión da entidade".
A nova xunta directiva, elixida por un período de tres anos, continuará traballando “para e polas persoas con discapacidade, co obxectivo de promover os seus dereitos e a súa plena integración na sociedade", indicaba o Presidente, ofrecendo servizos especializados para a mellora da calidade de vida das persoas con discapacidade, como os que desenvolve o centro de día con 34 prazas en contrato coa Consellería de Política Social e Xuventude, a vivenda tutelada dirixida a promover a autonomía que conta con 7 prazas, ademais dos programas de intervención social, psicoloxía, de logopedia e fisioterapia, así como un servizo de transporte adaptado.