A 9ª Gala do Deporte de Monforte rendeu homenaxe aos mellores deportistas monfortinos

RibeiraSacraXa
O alcalde destacou que "temos unha boa canteira de nenos e nenas que teñen unhas excelentes cualidades para a práctica deportiva"
Gala-do-Deporte-de-Monforte-2024
28 Xuño 2024

A Gala do Deporte de Monforte de Lemos rendeu homenaxe aos mellores deportistas monfortinos do ano nun acto que tivo lugar na Casa da Cultura Lois Pereiro de Monforte.

O alcalde da cidade do Cabe, José Tomé destacou que “nestes últimos tempos, en Monforte temos o privilexio de poder disfrutar dunha xeración de grandes deportistas, e afortunadamente a colleita segue medrando, motivo polo que nos debemos sentir moi orgullosos”. E continuou resaltando “o bo momento actual que estamos vivindo no deporte monfortino, é posible porque temos unha boa canteira de nenos e nenas, que teñen unhas excelentes cualidades para a práctica deportiva. A eles únense outros deportistas, adolescentes e xa adultos, que nos últimos anos estannos acostumando a que o nome de Monforte se asocie con éxito deportivo”.

Neste senso, o rexedor resaltou os bos resultados acadados en varias modalidades deportivas, salientando que “raro é a fin de semana que non abramos os xornais e atopemos a un monfortino ou monfortina cunha medalla colgada do peito ou cun trofeo de campión”.

Finalmente, José Tomé rematou a súa intervención agradecendo a asistencia de todos os presentes, tanto ós deportistas como os seus familiares e amigos, e felicitou a todos os candidatos e candidatas así como ós premiados e premiadas, “porque todos eles teñen un palmarés deportivo excelente, e contribúen a poñer en valor o deporte monfortino”.

Na entrega de premios, ademais do alcalde, tamén estiveron presentes e participaron diversos membros do Equipo de Goberno, os concelleiros de Deportes, José Manuel Mougán, de Servizos, José Luis Losada, de Sanidade, Pilar Espinosa, de Consumo, Regina López, de Tecnoloxía e Innovación, Guillermo Díaz, e de Muller e Igualdade, Margarita López, así como diversos membros da Corporación municipal.

Premiados da 9ª Gala do Deporte de Monforte

En total, foron 34 o número total de candidaturas que se presentaron para participar nalgunha das categorías do concurso para elixir ás mellores persoas deportistas, adestradoras, árbitras e Clubs do ano 2023 o que supón unha das edicións con maior número de candidaturas presentadas, dúas máis que na pasada edición.

Cun salón de actos ateigado de deportistas e familiares, o acto, conducido por Manola Porto, plasmou a homenaxe e o recoñecemento a diversas persoas e entidades relacionadas co deporte local e que destacaron ó longo do pasado ano 2023. Os gañadores e gañadoras da 9ª Gala do Deporte de Monforte foron os seguintes:

  • Mellor deportista absoluto masculino do ano 2023: Marco García Martínez (Taekwondo)
  • Mellor deportista absoluta feminina do ano 2023: Laura Álvarez Suárez (Taekwondo)
  • Mellor deportista promesa masculino: do ano 2023 Jherson Arturo García Mota (Baloncesto)
  • Mellor deportista promesa feminina do ano 2023: Alicia Castro Regal (Taekwondo)
  • Mellor adestrador/a do ano 2023: José María Vega Sánchez (Taekwondo)
  • Mellor árbitro/a do ano 2023: Carlos Suñer Díaz (Natación)
  • Club máis destacado do ano 2023: Club Korbis
  • Mellor equipo de categoría absoluta: Club Natación Monforte
  • Mellor equipo de categoría de base do ano 2023: Club Korbis
  • Premio á deportividade e xogo limpo do ano 2023: C.B. Val de Lemos

Por outra banda, fóra de concurso fixéronse recoñecementos ao Club Lemos e o Club Arenas por cumprir os 100 anos de existencia.

0.16928005218506