Monterroso e Carballedo reflicten o avance do galego nas inscricións funerarias de Galicia

GaliciaXa | LugoXa | RibeiraSacraXa
Un estudo sobre os cemiterios galegos constata o aumento do uso da lingua nas lápidas e esquelas durante a última década
praca-cemiterio-galego
19 May 2026

A iniciativa de educación social Palabra e Memoria, centrada no estudo do patrimonio documental dos cemiterios galegos, deu a coñecer os primeiros resultados globais dunha investigación que confirma a presenza de inscricións funerarias en lingua galega nos camposantos dos 313 concellos de Galicia. O proxecto desmonta así a idea previa de que o uso escrito do galego nos cemiterios era practicamente inexistente.

Ata o momento, a análise completa realizouse en 16 municipios galegos, dos que seis pertencen á provincia da Coruña, cinco á de Lugo, catro á de Pontevedra e un á de Ourense. No caso lucense, o primeiro traballo de campo sistemático, realizado seguindo todos os parámetros metodolóxicos establecidos, levouse a cabo en 1997 pola intervención educativa Modelo Burela nos dous cemiterios da localidade mariñá. A evolución desa investigación revísase cada ano durante o mes de maio coincidindo coa celebración das Letras Galegas.

Posteriormente, outros estudos permitiron obter datos noutros concellos da provincia de Lugo, como Friol, cun 1,49 % de inscricións en galego; O Valadouro, cun 2 %; Meira, cun 5 %; A Pastoriza, cun 6,46 %; A Fonsagrada, cun 4,5 %; e O Vicedo, cun 4,20 %.

En Monterroso, a investigadora local Inma Castro contabilizou máis de 500 propiedades funerarias repartidas nos cemiterios de oito parroquias e rexistrou que a introdución do galego escrito produciuse de maneira simultánea en 1981 co traslado das cinzas do escritor Lourenzo Varela a Fufín. A parroquia de Arada sitúase á cabeza cunha presenza do idioma no 9 % das 46 propiedades analizadas, seguida por Penas, Sambreixo e Pol, cun 5,2 %. Aínda que nalgúns casos o uso do galego se limita á identificación das casas ás que pertencen os panteóns, o idioma está presente en todos os camposantos estudados.

No concello de Carballedo, a investigación centrouse nas parroquias da Cova e Veascós, onde se analizaron 372 panteóns. Os resultados mostran porcentaxes inferiores ás de Monterroso: na Cova o uso do galego alcanza o 2,7 %, con cinco propiedades familiares sobre un total de 182, mentres que en Veascós se sitúa no 2 %, con tres inscricións en 145 construcións funerarias.

O estudo elaborado por Inma Castro conclúe que a realidade observada en Monterroso e Carballedo reflicte o comportamento xeral do resto de Galicia. Palabras como “fillos” e “netos” aparecen cada vez con maior frecuencia nas placas de recordo aos familiares falecidos, nun proceso de recuperación lingüística que, segundo os investigadores, está impulsado por todos os sectores sociais.

Os datos indican ademais unha mellora significativa durante a última década, especialmente entre 2015 e 2025, en consonancia co mapa elaborado polo xornalista David Canto Veiga e presentado en outubro de 2024 polo Consello da Cultura Galega.

A chamada “selección galega de visualización”, integrada por persoas que percorren Galicia recompilando información sobre o uso do idioma nos cemiterios, recolleu xa datos de máis de 110.000 familias distribuídas polos 313 concellos galegos. O colectivo atribúe esta tendencia emerxente ao relevo xeracional e á mellora na atención prestada polas empresas funerarias. As persoas alfabetizadas en galego nos primeiros anos da democracia ocupan agora responsabilidades tanto no coidado dos cemiterios familiares como nas propias empresas do sector, favorecendo así a normalización lingüística.

Actualmente, o maior uso do galego escrito en lápidas e esquelas rexístrase na parroquia de Esteiro, en Muros, onde alcanza o 37 %. Tamén destacan cifras próximas ao 30 % en Castro e Outeiro de Rei, así como arredor do 20 % en Rianxo. No conxunto de Galicia, a media xeral pasou do 0,8 % ao 4 % nos últimos anos, nun proceso que continúa aberto á colaboración cidadá.

0.11904001235962