Xosé Lois Foxo: “buscamos dignificar a gaita, a música popular e os cantos de tradición oral”

RibeiraSacraXa | OurenseXa
Nado en Romeor (Folgoso do Courel), Xosé Lois Foxo é o fundador e director da Escola e da Real Banda de Gaitas da Deputación de Ourense, unha labor que combina coa súa actividade como compositor, escritor e investigador, sempre centrada na preservación e divulgación da cultura tradicional
xose-lois-foxo-annika-ricahardson
22 Feb 2026

Por Raquel Pérez

Fundada en 1985, a Escola Provincial de Gaitas da Deputación de Ourense leva máis de 40 anos formando a miles de gaiteiros, converténdose nun referente para a ensinanza deste instrumento tradicional. Xunto a ela naceu tamén a Real Banda de Gaitas, que se consolidou como a máxima expresión artística dos alumnos da escola. Ao longo destas décadas, a banda acumulou máis de 40 premios e levou a música galega a escenarios de todo o mundo, difundindo e poñendo en valor a cultura e a tradición de toda a comunidade a nivel internacional.

O seu director e fundador, Xosé Lois Foxo, foi unha das figuras claves na recuperación e preservación deste instrumento. Nado en Romeor (Folgoso do Courel), leva ligado ao mundo da gaita desde pequeno. “Foi o primeiro instrumento que coñecín”, conta. “En O Courel sempre houbo gaiteiros, eu son dunha zona de tradición gaitera, de feito eu mesmo teño publicados tres libros sobre música de O Courel e teño recollidos máis de mil cantares. É algo que, por suposto, me influíu”.

Pero o que marcou a diferenza foron os seus posteriores estudos, xa no Seminario de Lugo, onde segundo conta, “tiven a sorte de ter ao mellor mestre de música da época, ao mestre Castiñeira, con quen estudei durante 12 anos”. Ao finalizar os seus estudos en Lugo, trasladouse a Barcelona, onde se licenciou en Filoloxía Anglogermánica, así como en Tradución e Interpretación. Pero nin sequera neses anos deixou de lado a súa paixón pola música. E é que alí, nos anos 70, creou unha escola de gaitas que chegou a ter 600 alumnos. Foi en 1985 cando Foxo, co apoio da Deputación Provincial de Ourense, naquel momento presidida por Victorino Núñez, creou a Escola Provincial de Gaitas de Ourense.

En todos estes anos, explica, “o máis importante que fixemos foi a dignificación da gaita. Digamos que tradicionalmente en Galicia a gaita estudábase sen pentagrama. Case se pode dicir que era unha tradición oral”. De feito, no ano 82, o propio Foxo publicou a primeira edición de Os Segredos da Gaita. “Foi determinante. Pouco a pouco foise ampliando, de tal maneira que hoxe se considera como a Biblia da gaita”.

Unha das cuestións que diferencia á Real Banda de Gaitas da Deputación de Ourense é que os seus gaiteiros non levan o instrumento tradicional propiamente dito, senón a denominada Gaita Marcial, que en lugar de levar a ronqueta diante, lévaa no ombreiro. Deste xeito, explica o seu director, “creamos unha estética, unha forma de estar que era diferente. Nós intentamos coidar moito esa imaxe, pero respectamos todos os estilos. O concepto de cuarteto tradicional é moi diferente ao concepto de banda”.

UNHA ESCOLA DE PROXECCIÓN INTERNACIONAL

Ao longo da súa historia, a Escola de Gaitas da Deputación de Ourense converteuse nun centro de referencia. Polas súas portas pasaron miles de alumnos e alumnas procedentes de lugares de todo o mundo, a maioría para especializarse en Gaita, aínda que tamén se ensina percusión, cántico, pandeireta e zanfona.

É o caso de Annika, unha estudante procedente de Minnesota que chegou a Ourense en setembro de 2025 e que, apenas un mes despois, en outubro, iniciábase no mundo da Gaita e da música tradicional galega da man de Xosé Lois Foxo e arroupada polos seus compañeiros. “Enamoreime de Galicia cando vin hai uns anos co meu grupo da universidade. Estivemos en Santiago e alí vin por primeira vez aos gaiteiros”, explica. Decidida a volver, buscou un programa de intercambio e chegou ao IES O Couto como auxiliar de conversa. “Eu quería facer algo coa música. Toquei sempre, desde moi pequena. Primeiro o violín, con 4 anos, e o piano con 6. Cando cheguei dixen que me encantaría aprender sobre música galega e empecei a preguntar. Unha profesora de instituto que ten unha filla estudando na escola trouxome e así foi como coñezo a esta xente tan marabillosa”.

“Encántame isto. As miñas clases, os ensaios do grupo, poder aprender a historia, a cultura, a lingua, a música galega... é incrible. Para min é unha gran bendición poder estar aquí, aprender e formar parte desta comunidade de música”, sinala Annika, que en só uns meses se converteu nunha das alumnas máis prometedoras desta escola, e acompañará á Banda a tocar na procesión da Semana Santa de O Carballiño, así como no Certame Celtibérico de Bandas de Gaitas de Quiroga.

Ademais de Annika, pola escola pasaron persoas de moitos outros países que, tras a súa estancia en Ourense e da man de Xosé Lois Foxo, contribuíron a dar a coñecer as nosas tradicións en todo o mundo. É o caso de Mohsen Sharifian, un prestixioso intérprete de música tradicional de Irán que, no ano 2018, despois de visitar a Escola, decidiu enviar á súa filla Liana Sharifian a aprender Gaita en Ourense, converténdose na primeira gaiteira de Irán. Ademais, actualmente, Mohsen Sharifian conta cunha Escola de Gaitas no seu país natal na que ensina gran parte dos coñecementos adquiridos por el e pola súa filla tras a súa estancia na Escola de Gaitas da Deputación de Ourense.

Pero a Escola de Gaitas da Deputación de Ourense é moito máis que un lugar no que se forman músicos. Dentro das súas portas gárdase un innumerable arquivo de fondos documentais relacionados coa música e a tradición oral. De feito, recentemente incorporáronse a este arquivo máis de 300 pregos de cordel do século XIX de gran valor histórico e cultural. Conta, ademais, co Museo Internacional de Cornamusas, cunha das coleccións máis grandes do mundo. Así mesmo, desde a Escola promoven eventos como a Xuntanza Internacional de Gaiteiros ou o Certame Celtibérico de Bandas de Gaitas de Quiroga, que este ano regresará o 4 de abril.

Ademais de dirixir a Banda e a Escola, Foxo é tamén escritor e investigador, e unha das figuras máis relevantes en canto á difusión e preservación da música tradicional. “Todas as fins de semana vou polos pobos e sempre pregunto, porque a xente ás veces garda cousas de gran valor. Ás veces sorpréndome, por exemplo, recentemente enviáronme 20 Coplas do Cordel. É unha pena porque son cousas que moitas veces se desprezaron”.

Desde a Escola e co apoio da Deputación de Ourense, edítase desde 1986 o Anuario de Gaita, unha publicación única no seu xénero que arrancou á vez que a propia escola e que se dedica ao estudo e divulgación da gaita e dos instrumentos tradicionais, consolidada hoxe como un referente a nivel internacional.

Con todas estas iniciativas, insiste Foxo, “buscamos dignificar a Gaita, a música popular e os cantos de tradición oral”. Neste sentido, pon en valor que o Día das Letras Galegas de 2025 estivo dedicado a unha das figuras máis relevantes da nosa cultura popular: as cantareiras. Aos seus 75 anos, Xosé Lois Foxo continúa amosando a súa paixón e a súa dedicación por seguir facendo da Escola de Gaitas da Deputación de Ourense un referente imprescindible da música tradicional galega, onde a ensinanza, a investigación e a difusión da gaita seguen sendo o eixo central dun proxecto que aposta pola identidade e o patrimonio cultural galego.

0.076599836349487