Tarde de espectáculos o sábado en Sober
Sober acolle o vindeiro sábado 18 de setembro dous espectáculos diferentes e únicos. O primeiro que se levará a cabo, é o espectáculo Asdomare, que chega da man de Rilo & Penadique. Esta actuación acaba de saír da fábrica en pleno confinamento e quere darlle continuidade a O Pozo das Señoras.
Así pois, é un espectáculo de narración oral e música a cargo da consolidada parella formada por Vero Rilo e Sonsoles Penadique.
A actuación, que trata das mulleres do mar, realizarase o sábado ás 19 horas na praza do Toural de Sober. Ademais, entra dentro do pograma Cultura no Camiño.
Por outra beira, ás 21 horas na praza do Concello, será o turno de O Fiadeiro, unha actuación de divulgación do baile e a música tradicional galegos que contribúe á difusión e divulgación dunha parte esencial da cultura de Galicia. Esta actuación forma parte do ciclo Danza3.