Quiroga presenta a mostra fotográfica Mulleres da vila
O Concello de Quiroga a través do Centro de Información á Muller desenvolveu un proxecto fotográfico denominado Mulleres da Vila. Trátase dun reportaxe fotográfico das mulleres emprendedoras da vila.
Quince foron as mulleres empresarias que participaron na elaboración deste reportaxe fotográfico que quedará na súa propiedade, e para o que se comprometeron a elixir unha das fotos coas que se sintan máis representadas para a súa exposición.
Este proxecto, que pretende visibilizar ás mulleres emprendedoras e empresarias do noso municipio como recoñecemento a ese plus de valentía que ten o iniciar negocios en lugares pequenos - como remarcan dende o CIM- presentarase o día 15 de outubro coincidindo co Día da Muller Rural. A presentación terá lugar na sala de exposicións Manuel María, a partir das seis da tarde.
O Centro de Información á Muller tamén ten organizada outra actividade para este mes de outubro, trátase da andaina solidaria contra o cancro de mama que realizan en colaboración coa Asociación Española contra o Cancro. A andaina solidaria partirá dende as inmediacións do Auditorio Municipal para recorrer o paseo fluvial do río Quiroga e rematar novamente no punto de partida.
Ao inicio da andaina o día 19 de outubro, ás 17 horas, recolleranse donativos e poñeranse á venda camisetas solidarias para recadar fondos que se entregarán a AECC na súa sede de Lugo.