O Concello de Monforte reformará o Parque da Compañía cun investimento de máis de 272.000 euros

O alcalde de Monforte, José Tomé Roca, anunciou un novo proxecto para a cidade, que consistirá na mellora integral do Parque da Compañía. José Tomé destacou que “o Parque da Compañía atópase na zona central do casco urbano de Monforte de Lemos, ao suroeste do mesmo, sendo un dos lugares con maior actividade da cidade, especialmente no que respecta ao esparexemento e ocio da poboación, así como á presenza de turistas. Por todos estes motivos, desde o Equipo de Goberno do Concello consideramos moi necesaria a súa mellora”.
Este proxecto de mellora do Parque da Compañía ten un custo estimado de 272.042,95 euros (IVE incluído) e abarca unha superficie de actuación de 10.025 m².
A contratación levarase a cabo mediante concurso aberto e, unha vez adxudicada á empresa gañadora, o prazo estimado de execución das obras será de aproximadamente 2 meses desde a sinatura da acta de replanteo, salvo que por circunstancias meteorolóxicas sexa necesario suspender os prazos.
Esta actuación vén completar as melloras realizadas nos últimos anos polo Executivo de José Tomé nesta importante zona da cidade. Neste sentido, o alcalde indicou que “con esta actuación, seguimos completando as accións de mellora levadas a cabo na zona da Compañía, que significaron a creación dun novo Parque Infantil (177.000 euros), a construción dunha pista de skate (77.000 euros), a mellora da Pista Polideportiva da Compañía (48.000 euros) e a mellora da fonte cibernética da praza da Compañía (62.000 euros). Coa nova actuación presentada hoxe, o investimento total destinado nos últimos anos para mellorar unha das zonas de esparexemento e ocio máis utilizadas da cidade alcanza os 636.000 euros”, subliñou o alcalde.
Zona de actuación
A zona de actuación sitúase no Parque da Compañía de Monforte de Lemos, no entorno do Colexio de Nosa Señora da Antiga (Escolapios). En concreto, os traballos levaranse a cabo na zona verde situada ao sur da explanada da Compañía.
A área incluída neste proxecto forma parte dos parques e zonas verdes municipais do Concello de Monforte de Lemos, cun total de 10.025 m² de superficie.
Dado o tempo transcorrido sen intervencións nesta parte do parque, así como o alto nivel de uso por parte dos veciños de Monforte, o deterioro xeral e a situación das zonas verdes aconsellan unha renovación completa do pavimento, a creación de novos camiños e a mellora das áreas verdes con máis servizos para a cidadanía.
Actuacións a executar
- Substitución do pavimento no percorrido peonil e no carril bici, que bordea a zona oeste do parque, ampliándoo ata unha anchura de 2 metros en todo o seu trazado. O firme actual de pavimento granular será substituído por formigón fratasado de 20 cm, máis axeitado para este tipo de percorrido, reducindo riscos de caídas para ciclistas e proporcionando maior comodidade aos peóns.
- Nas zonas verdes, substituiranse os arbustos existentes, así como algunhas árbores de pequeno porte que dificultan o seu mantemento e limpeza. No seu lugar, crearase unha área de céspede con sistema de rego automático, máis fácil de conservar. Engadirase terra vexetal para nivelar e mellorar a drenaxe destas zonas.
- Eliminación de bordos nos cambios de pavimento e nos límites das zonas verdes para evitar tropezos e caídas.
- Na zona central, onde actualmente hai árbores e mobiliario urbano a unha cota baixa, procederase ao seu recheo con xabre compactado para mellorar o terreo.
- Levantamento e recolocación do mobiliario urbano existente, incluíndo aparatos biosaudables, elementos de ximnasia, bancos e mesas de pedra. Tamén se adaptará e recolocará a baranda sur.
- Creación de novos paseos peonís pavimentados con formigón fratasado e colocación de novo mobiliario urbano, como bancos de fundición, papeleiras de aceiro e fontes con billas pulsadoras e reixas de sumidoiro.
- Mellora da iluminación pública na zona, que actualmente presenta varias áreas con iluminación insuficiente. Instalaranse novas farolas similares ás xa existentes, con luminarias LED.
- Pintado de marcas viarias continuas e discontinuas, de 12 cm de ancho e con material reflectante, así como de símbolos no percorrido peonil e no carril bici.
As empresas interesadas poderán presentar as súas ofertas ata o 5 de maio ás 14.00 horas.