Monforte reafirma a súa aposta polo teatro con 7 espectáculos programados para o primeiro semestre do ano

RibeiraSacraXa
A programación arrancará o 29 de xaneiro con ‘O proceso’, da compañía Malasombra
reforma-teito-edificio-multiusos-monforte
13 Jan 2026

O Concello de Monforte de Lemos volverá converter o Edificio Multiusos nun dos principais escenarios culturais da cidade durante o primeiro semestre do ano. Entre os meses de xaneiro e abril poñerase en marcha unha programación de artes escénicas composta por sete espectáculos, deseñada desde a Concellería de Cultura, Educación e Xuventude e integrada no circuíto da Rede Galega de Teatros e Auditorios.

A proposta combina maioritariamente producións profesionais galegas coa presenza de compañías do ámbito estatal. Seis das obras están dirixidas ao público adulto e unha ao público infantil. As funcións celebraranse, na súa maioría, ás 20.15 horas, mentres que a destinada ao público familiar comezará ás 18.00 horas. O prezo das entradas será de 5 euros para o público xeral e de 3 euros para menores, estudantes, persoas desempregadas e xubiladas.

O alcalde de Monforte, José Tomé Roca, anima á cidadanía a participar nesta oferta cultural e destacou a “aposta decidida deste Equipo de Goberno pola cultura, e neste caso, polas artes escénicas, cunha oferta periódica no Edificio Multiusos que xa é un referente na axenda semestral”.

A programación arrincará o 29 de xaneiro con ‘O proceso’, da compañía Malasombra, unha obra escrita e dirixida por Cándido Pazó que revisita en clave de comedia o proceso xudicial ao que foi sometido Manuel Curros Enríquez no século XIX. O calendario continuará o 19 de febreiro con ‘Memorias dun neno labrego’, coprodución do Centro Dramático Galego e Contraproducións, baseada na coñecida obra de Xosé Neira Vilas.

O 26 de febreiro chegará ‘As desterradas’, de Producións Teatrais Excéntricas, e o 12 de marzo será a quenda de ‘A Historia vaxenial’, de Artyc Content, un espectáculo premiado polo seu enfoque na igualdade. O actor Carlos Blanco presentará ‘A Penúltima’ o 26 de marzo.

Xa en abril, o público poderá gozar de ‘Amalia y el río, historia de una estraperlista’, de Teatro Guirigai, o día 23, e de ‘Berenguela na gaiola’, de Galeatro Producións Escénicas, o día 26, que poñerá o broche final á programación do semestre.

Con esta axenda, o Concello reafirma o seu compromiso cunha oferta cultural estable e accesible, consolidando o Edificio Multiusos como un espazo clave para as artes escénicas en Monforte.

⚙ Configurar cookies
0.079279184341431