O Concello de Monforte iniciará este luns as obras de reparación na Ponte Medieval

O Concello de Monforte comezará o próximo luns, 2 de marzo, as obras de reparación de varias pezas de sillería danadas na Ponte Medieval como consecuencia de dous accidentes de tráfico rexistrados en distintos momentos, un deles hai varios anos e outro en 2025. Ambos os sinistros provocaron desperfectos no muro de pedra do histórico puente.
Tras obter os permisos preceptivos da Dirección Xeral de Patrimonio e da Confederación Hidrográfica Miño-Sil, a Xunta de Goberno Local aprobou o pasado 9 de febreiro a adxudicación dos traballos á empresa Nature Infraestructuras e Servicios SL por un importe de 10.889,13 euros.
As obras obrigarán a cortar completamente o tráfico na ponte, tanto para vehículos como para peóns, durante as xornadas do luns 2 e martes 3 de marzo, debido á necesidade de empregar maquinaria pesada na vía.
En canto á circulación, os vehículos que acceden habitualmente á Ponte Vella desde a rúa Méndez Casal deberán desviarse polo Campo de San Antonio cara ás rúas Abeledos e Ronda María Emilia Casas Baamonde. Pola súa banda, quen circulen pola rúa Santa Clara terán que facelo pola Corredoira. Os peóns poderán cruzar o río utilizando a pasarela de madeira que conecta as rúas Santa Clara e o Paseo do Malecón á altura da Corredoira, así como a Ponte Nova.
O acceso aos garaxes con vado permanente situados no tramo afectado da rúa Santa Clara manterase no sentido habitual de circulación, coa saída por Méndez Casal cara ao Campo de San Antonio e á rúa Abeledos. Todos os desvios estarán sinalizados pola Policía Local.
Os traballos centraránse en dous puntos concretos do muro. Na zona situada á esquerda, no sentido de entrada á ponte, recolocarase cinco sillares desprazados nun tramo de aproximadamente 2,10 metros. No lado dereito, á altura do primeiro cubo, intervirase sobre dez pedras movidas nun tramo de uns 4,50 metros.
A actuación consistirá en levantar os sillares afectados, limpar manualmente as xuntas e a base de apoio para eliminar restos de terra, fragmentos de pedra, mortero e elementos vexetais, e recolocar posteriormente as pezas na súa posición orixinal. Tamén se realizará unha limpeza manual con cepillo para retirar elementos estraños sen alterar a imaxe actual da ponte nin dos sillares.