O Concello de Monforte contrata as obras de reparación do cadeirado danado da Ponte Medieval

O Concello de Monforte informa da contratación das obras para reparar os danos ocasionados na Ponte Medieval debido a dous sinistros de tráfico. Segundo explicou o alcalde, trátase da colocación de varias pezas dos muros perimetrais en ambos laterais da ponte. A Xunta de Goberno Local, na sesión deste luns, aprobou adxudicar á empresa Nature Infraestructuras y Servicios SL un importe de 10.889,13 euros.
As obras proxectadas consisten na reparación de dúas zonas afectadas por sendos accidentes de tráfico, un ocorrido hai varios anos e outro que tivo lugar no 2025. O incidente máis antigo, sinalan desde o Concello, moveu cinco cadeirados na zona de entrada á ponte á esquerda segundo o sentido do tráfico, polo que será necesario levantalos e colocalos na posición correcta. O segundo incidente, máis recente, provocou danos na zona do primeiro cubo á dereita da ponte, onde se moveron 10 pedras que tamén serán levantadas e recolocadas.
O alcalde Tomé destaca que “a ponte é un ben inventariado polo Plan Especial de Protección do Conxunto Histórico-Artístico de Monforte, e forma parte da imaxe da nosa cidade, polo que debemos mantela nas mellores condicións”. Con este obxectivo, e unha vez obtidos os permisos necesarios tanto da Dirección Xeral de Patrimonio como da Confederación Hidrográfica Miño-Sil, procederase á restauración do monumento.
Os traballos consistirán concretamente no levantamento dos cadeirados, a limpeza manual das xuntas e a recolocación das pedras na súa ubicación orixinal. Limparanse as xuntas das pedras a recolocar, así como a zona de asento das mesmas, para eliminar restos soltos de terra, pequenos fragmentos de pedra ou morteiro e elementos vexetais. Así mesmo, levarase a cabo unha limpeza manual da pedra con cepillo para eliminar elementos estraños e restos vexetais, sen alterar a imaxe actual da ponte nin dos cadeirados.