O Concello de Monforte comeza os traballos de montaxe do equipamento do novo Ximnasio Municipal da Pinguela

RibeiraSacraXa
Os traballos contan cun importe de 106.791 euros e estarán rematados previsiblemente na primeira quincena de febreiro
ximnasio-a-pinguela
26 Jan 2026

O Concello de Monforte iniciou este luns os traballos de montaxe do equipamento deportivo do novo Ximnasio Municipal da Pinguela, segundo informou o alcalde, José Tomé Roca. Os operarios xa están a descargar e instalar as máquinas tras a adxudicación do contrato de subministración á empresa Johnson Health Technologies Ibérica SL, por un importe de 106.791 euros.

O rexedor avanzou que “a previsión é que o novo Ximnasio empece a funcionar na primeira quincena de febreiro, como xa comprometéramos”, unha vez rematen os traballos de instalación e posta a punto do material.

O Ximnasio Municipal intégrase no Complexo Deportivo da Pinguela, que foi obxecto dunha profunda renovación nos últimos anos, coa reforma integral do pavillón polideportivo no ano 2023 e a remodelación da piscina municipal, inaugurada o pasado mes de outubro. En conxunto, estas actuacións supuxeron un investimento próximo aos seis millóns de euros destinados a modernizar as instalacións deportivas da cidade e “crear un complexo deportivo único, eficiente e moderno”, segundo destacou o alcalde A remodelación permitiu ampliar e reorganizar os espazos do ximnasio, que agora se sitúa nunha sala acristalada na zona sur do edificio, gañando en superficie e funcionalidade. O equipamento contratado permitirá desenvolver programas de deporte e saúde dirixidos a todo tipo de usuarios.

Entre o material instalado inclúese equipamento cardiovascular como cintas de correr, bicicletas estáticas e elípticas, ademais de bicicletas de ciclo indoor. O ximnasio contará tamén con máquinas de forza, zona de peso libre con bancos e barras, espazo de adestramento funcional e sistemas de almacenaxe e accesorios complementarios.

Con este novo equipmento, sublima o rexedor, "complétase a renovación integral do Conxunto Deportivo da Pinguela e dota a Monforte dunhas instalacións modernas e na vangarda tecnolóxica”, que entrarán en funcionamento nos próximos días.

⚙ Configurar cookies
0.077715158462524