O Certame Municipal de Teatro para Centros de Ensino de Monforte cumpre trinta anos

O teatro escolar volverá ocupar o escenario da Casa da Cultura Lois Pereiro cunha nova edición do Certame Municipal de Teatro para Centros de Ensino, que este ano celebra a súa trixésimo terceira convocatoria. A iniciativa, promovida polo Concello a través da Concellería de Cultura, desenvolverase entre o 20 de abril e o 20 de maio.
O certame está aberto á participación de todos os centros educativos do municipio, que poderán presentar unha única obra teatral. Ademais, o programa tamén contempla a presenza doutros colectivos ou asociacións locais como convidados, sempre que conten coa autorización municipal.
Desde o equipo de goberno subliñan a consolidación desta cita, que ao longo das súas máis de tres décadas de historia se converteu nun referente cultural local. Na pasada edición participaron seis centros educativos e unha ANPA, cunha elevada implicación do alumnado e unha notable resposta do público.
A iniciativa ten como finalidade potenciar as capacidades artísticas e técnicas dos participantes, ao tempo que promove valores como a convivencia, a tolerancia, a cooperación e a solidariedade.
As solicitudes para participar deberán presentarse no Rexistro Xeral do Concello ata este venres 27 de marzo. Entre a documentación requirida figuran datos como o título da obra, autoría, reparto, dirección, sinopse e duración. As pezas deberán ter unha duración mínima de 30 minutos e estrearse no propio certame.
As funcións terán lugar no salón de actos da Casa da Cultura Lois Pereiro ás 20.00 horas, en datas que se concretarán nunha reunión prevista para o 13 de abril entre o Concello e os centros participantes, e a entrega de premios celebrarase o 27 de maio, ás 18.00 horas, no mesmo espazo cultural.
O Concello colaborará cunha achega de ata 200 euros por centro para a realización das obras e, ademais, todos os participantes recibirán a gravación en DVD das representacións e un diploma acreditativo.