Monforte convoca a XI edición dos Premios do Deporte para recoñecer aos mellores deportistas de 2025

RibeiraSacraXa
A convocatoria estará aberta ata o 30 de abril e abrangue diferentes categorías que recoñecen tanto o rendemento deportivo individual como colectivo
gala-do-deporte-monforte-2025
13 Apr 2026

O Concello de Monforte vén de poñer en marcha unha nova edición dos seus galardóns deportivos. O alcalde, José Tomé Roca, anunciou a convocatoria da undécima edición dos Premios do Deporte, cuxas bases foron aprobadas na Xunta de Goberno Local celebrada este luns, 13 de abril.

Con esta iniciativa, impulsada desde a área de Deportes, o Concello busca distinguir o labor de atletas, equipos e entidades que destacaron ao longo do ano 2025. As bases do certame xa están dispoñibles na páxina web municipal e o prazo para presentar candidaturas permanecerá aberto ata o vindeiro 30 de abril.

A convocatoria abrangue diferentes categorías que recoñecen tanto o rendemento deportivo individual como colectivo, así como o papel de técnicos, árbitros e entidades na promoción do deporte e dos valores asociados á práctica deportiva. As candidaturas poderán ser presentadas polas propias persoas aspirantes ou por terceiros, sen límite no número de propostas.

Entre as novidades desta edición destaca que o propio xurado poderá propoñer candidaturas, que se sumarán ás que se rexistren durante o prazo establecido. Este órgano estará presidido polo alcalde e contará tamén coa participación do concelleiro de Deportes e doutras persoas vinculadas ao ámbito deportivo.

As solicitudes deberán formalizarse no Rexistro Xeral do Concello e ir acompañadas da documentación que xustifique os méritos alegados, especialmente no relativo aos resultados acadados en competicións oficiais durante o pasado ano, á traxectoria arbitral ou á labor desenvolvida na promoción do deporte e dos valores de xogo limpo.

Unha vez pechado o prazo de inscrición, darase a coñecer a listaxe de candidaturas admitidas e, posteriormente, os gañadores de cada categoría anunciaranse na “Gala do Deporte Monfortino”, que se celebrará nunha data aínda por concretar. Cada premiado recibirá un trofeo acreditativo, mentres que o resto de participantes serán recoñecidos cun detalle conmemorativo.

0.1227879524231