Monforte acollerá este domingo un espectáculo de maxia dirixido a nenos con motivo do 8M

O Concello de Monforte programa para este domingo, 7 de marzo, o espectáculo de maxia ‘A igualdade non ten truco’, da compañía Magia en la manga, dirixida a público familiar.
A función, cunha duración de 60 minutos, será de acceso libre e gratuíto ata completar aforo, e comezará ás 18.00 horas na Casa da Cultura.
A obra enmárcase dentro do programa de actos do 8M Día Internacional da Muller, organizado pola Concellería de Muller e Igualdade e o CIM, en colaboración coa Concellería de Cultura.
Este máxico pretende transmitir unha mensaxe esencial para a sociedade actual: promover a igualdade de xénero a través da arte do ilusionismo e das vivencias das mulleres ilusionistas.
O dúo conformado pola maga Sara Rodríguez e o mago Carlos Tomico realizarán misterios e imposibles que ademais nos levarán por diferentes ideas e conceptos do feminismo e da igualdade de xénero.
Viaxes e transformacións inexplicables, un conto de fadas reinventado, ou unha volta atrás no tempo á época das primeiras e máis importantes magas, son algúns exemplos que poderemos ver neste espectáculo cheo de sorpresas ata o final, onde nada é o que parece. En definitiva unha aventura máxica para toda a familia na que descubriremos que, efectivamente, a igualdade de xénero non ten truco ningún.