Licitado o contrato de mantemento das instalacións térmicas das residencias da Deputación

LugoXa | TerraChaXa | SarriaXa | AMariñaXa | RibeiraSacraXa
Inclúe o control e prevención da lexionela nos CAM de Trabada, Meira, Pol, Castroverde, A Fonsagrada, Pedrafita, Navia, Ribas de Sil e Ribadeo
Residencia maiores de Ribadeo
6 Feb 2026

A Xunta de Goberno da Deputación de Lugo aprobou este venres a licitación do contrato para o mantemento integral das instalacións térmicas e de control e prevención da lexionela nas nove residencias da institución provincial por algo máis de 137.000 euros. Así o informou a Voceira socialista do Goberno, Pilar García Porto, na rolda de prensa posterior á reunión semanal, onde sinalou que esta contratación dará servizo aos Centros de Atención a Maiores de Trabada, Meira, Pol, Castroverde, A Fonsagrada, Pedrafita do Cebreiro, Navia de Suarna e Ribadeo.

“Hai quen aínda cre que as residencias da Deputación son só edificios que se constrúen e se poñen en marcha”, sinalou García Porto. “Nós sabemos que os nosos centros de maiores levan un traballo constante e recursos que as veces non se ven, pero que son absolutamente imprescindibles para garantir o seu funcionamento e o benestar das persoas que viven aí”, engadiu. O importe base de licitación do contrato aprobado este venres ascende aos 137.101,47€ e terá unha duración dun ano, coa posibilidade de prorrogalo tres veces ata un máximo de catro anos.

Explicou García Porto que “estamos a falar de cuestións tan importantes como a calefacción, a auga quente e a seguridade sanitaria das persoas que viven e traballan alí. Un contrato que asegura o confort térmico e que haxa menos avarías e cortes, maior vida útil das instalacións e ademais aforro enerxético”. No que ten que ver coa lexionela, que pode aparecer nos sistemas de auga quente, “este contrato garante controis periódicos e tratamentos preventivos para evitar esta enfermidade”.

Aprobadas tamén as convocatorias e bases específicas para a elaboración de catro listaxes de emprego, para prestar servizos temporais na Deputación nos postos de arqueólogo, técnico de comunicación audiovisual, capataz e delineante.

⚙ Configurar cookies
0.085144996643066