Eleccións galegas 2024: a participación sobe máis de seis puntos e sitúase nun 49,13 %

RibeiraSacraXa | TerraChaXa | LugoXa | SarriaXa | AMariñaXa
Galicia vive este domingo as súas décimo segundas eleccións autonómicas.
18 Feb 2024

Galicia vive este domingo as súas décimo segundas eleccións autonómicas. A partir das 9.00 da mañá permanecen abertos os colexios electorais. Son 2.300 repartidos por toda a comunidade galega. Tal e como revela o segundo avance de participación, xa votaron un 49,13 % dos galegos, concretamente 1.000.793 persoas.

Esta cifra supón un incremento do 6,17 puntos con respecto ao rexistrado no ano 2020, cando a estas mesmas horas 959.987 persoas, un 42,97 % dos galegos, xa exerceran o seu dereito a voto. Se comparamos cos datos do 2016, a participación incrementouse 6,68 puntos, pois xa exerceran o seu dereito a voto un 42,49 % dos galegos. Este segundo avance sobre a participación rexistrada ata as 17.00 horas podería indicar que se trata dos comicios cun maior récord de participación dos últimas celebrados.

En canto aos datos por provincias, a participación dispárase especialmente en Lugo (+7,74%) e Ourense (+7,43%). Pero tamén sobe con forza nas provincias de Pontevedra (+5,77%) e da Coruña (+5,68%).

Primeiros avances de participación

Segundo os primeiros avances, ás 12.00 horas participaran un 17,12 % da poboación, concretamente 379.624 persoas. Esta cifra supón un descenso do 2,37 puntos con respecto ao rexistrado no ano 2020, cando a estas mesmas horas 433.899 persoas, un 19,42 % dos galegos, xa exerceran o seu dereito a voto. Porén a participación é lixeiramente superior á rexistrada nos comicios do 2016, concretamente de dous puntos, pois segundo este primeiro avance a porcentaxe de persoas que se achegaran a súa mesa electoral era do 15,01 %.

Aínda que queda aínda moita xornada por diante, a participación nos comicios galegos mostrouse tradicionalmente como baixa, de feito nas últimas convocatorias apenas o 50 por cento da poboación con dereito a voto a exerceu este dereito. Concretamente achegouse ás mesas un 48,97 % da poboación, concretamente 1.320.955 de persoas, fronte ao 53,63 % e ao  1.448.962 de galegos que votaron nos comicios do 2016.

0.19176506996155