Bóveda ofrece unha programación cultural para conmemorar o Ecce Homo
O Concello de Bóveda aposta pola programación cultural para celebrar as Festas do Ecce Homo de Rubián, o vindeiro 15 de setembro.
Así pois, a xornada contará con actuacións e actividades durante a tarde para traer ambiente festivo á vila. Ás 17 horas, chega unha exposición guiada de autómatas Kinetiko organizada por Xirapaus, proxecto de Manu Taboada (xogueteiro da Chintofanería) e Ero Vázquez (titiriteiro e artesán de Trécola) que surxiu co propósito de dar e pór en valor o universo dos autómatas.
Trátase dunha exposición na que se poden atopar personaxes musicais que a partir de mecanismos crean sons e ritmos, historias e contos que nacen co movemento dunha manivela ou dun pedal, bonecos que se moven e andan sós, un teatriño de guiñol automatizado homenaxe do tradicional títere de cachiporra, diferentes efectos especiais recurrentes no teatro. A idea desta exposición é que os asistentes poidan xogar manexando os mecanismos das pezas e ver como funcionan.
Para rematar, ás 19 horas, a banda de música Xograres de Lemos ofrecerá un concerto para amenizar o ambiente.