Asinado o convenio para rehabilitar o edificio da antiga Cámara Agraria de Taboada

O presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, asinou na Sala de Xuntas do Pazo de San Marcos un convenio de colaboración co alcalde de Taboada, Roi Rigueira Agromartín, a través do cal a institución provincial destina case 138.000 euros para a rehabilitación do edificio da antiga Cámara Agraria, situado na Praza de Muñelos deste municipio.
José Tomé recordou que “o obxectivo deste acordo, que aprobamos recentemente na Xunta de Goberno da Deputación de Lugo, é reformar esta construción para que os veciños e veciñas de Taboada poidan desfrutar dun local multiusos no que se desenvolverán numerosas actividades”.
O mandatario provincial puxo en valor o “esforzo” de Roi Rigueira desde que chegou á Alcaldía “unha incansable entrega que se demostra en accións e proxectos que benefician de xeito directo aos taboadeses e taboadesas”. Nesta liña, Tomé Roca destacou o compromiso do Alcalde con esta iniciativa e recordou que “foi Roi Rigueira quen propuxo, estando aínda na oposición, que o Concello comprase esta infraestrutura, construída no 1950, á Xunta de Galicia”.
José Tomé sinalou que a cooperación cos concellos é “unha das liñas que vertebran o noso o goberno e colaboramos cos municipios para que poidan ofrecer máis e mellores servizos aos seus veciños e veciñas. Con este proxecto Taboada recuperará un edificio histórico no que organizar numerosas actividades para fomentar a convivencia entre a veciñanza”.
Pola súa banda, Roi Rigueira agradeceu o apoio da institución provincial e destacou que as obras consisten “na demolición dos tabiques interiores, na incorporación de 2 aseos na planta baixa, a dotación das correspondentes instalacións de auga, luz e rede de sumidoiros e tamén se vai substituír a carpintería actual, entre outras actuacións”.