A renovación da Praza da Estación de Monforte estará completada nesta primavera

O alcalde de Monforte de Lemos, José Tomé Roca, supervisou este venres o avance das obras de renovación integral da Praza da Estación, unha actuación que executa ADIF e que encara xa a súa recta final.
Durante a visita, na que estivo acompañado polo concelleiro de Medio Ambiente, Obras, Medio Rural e Servizos, José Luis Losada, o rexedor comprobou o desenvolvemento dos traballos, centrados nesta xornada no asfaltado da zona. Segundo indicou, a previsión é que a intervención estea rematada ao longo da primavera, arredor do mes de maio. “Hoxe mesmo acabarán co asfaltado e resta completar unha parte das beirarrúas e o pintado da sinalización”, explicou.
A actuación, cun investimento que supera os dous millóns de euros, permitirá unha remodelación completa deste espazo urbano, mellorando de forma notable a accesibilidade e a contorna da estación ferroviaria. O proxecto é froito das xestións realizadas dende o equipo de Goberno liderado por José Tomé con ADIF. “Grazas a estas negociacións, os usuarios da Estación de tren de Monforte, así coma os veciños e veciñas da cidade, contarán cunha praza totalmente renovada e accesible”, subliña o rexedor.
As obras inclúen a renovación dos pavimentos e beirarrúas, a creación de novas medianas axardinadas, entre elas a glorieta Pablo Iglesias, así como o reforzo e modernización da iluminación. Tamén se está a executar unha rede de saneamento separativa na zona exterior da praza, ademais da instalación de novo equipamento e sinaléctica.
Entre as novidades destaca a habilitación dun punto de recarga para vehículos eléctricos e unha zona de paradas rápidas, coñecida como “kiss & ride”, que facilitará a mobilidade no entorno da estación.
Esta intervención complétase coas melloras que ADIF está a levar a cabo no propio recinto ferroviario, tanto no edificio de viaxeiros como nas plataformas das vías, co obxectivo de modernizar o conxunto das instalacións e mellorar o servizo á cidadanía.