A Orquestra de Cámara Galega está este domingo en Monforte
O Concello de Monforte de Lemos abre a programación cultural do mes de outubro coa actuación da Orquestra de Cámara Galega, o vindeiro domingo 3 de outubro ás 20 horas e no edificio multiusos.
Este espectáculo, organizado e programado polo Concello de Monforte de Lemos, enmárcase dentro das actuacións do Xacobeo 2021-2022 da Xunta de Galicia, e conta coa colaboración da Sociedad Filarmónica de Monforte.
A entrada é gratuíta ata completar a capacidade do local seguindo a normativa sanitaria no momento da actuación. A entrada ó salón de actos realizarase ás 19.30 horas e a entrega das invitacións será dende as 19 horas.
A Orquestra de Cámara Galega (OCGa) é unha orquestra de cámara fundada en 1995 na cidade da Coruña. Está dirixida dende a súa creación polo violinista Rogelio Groba Otero, que realiza tamén a función de concertino.
A OCGa naceu en 1995 grazas á inquietude dun grupo de músicos galegos formados no Conservatorio Superior de Música da Coruña e en diversos conservatorios europeos, encabezados polos irmáns Rogelio e Clara Groba Otero.
Nos 26 anos de traxectoria, a Orquestra leva o seu traballo artístico polas principais salas de música do mundo e compartindo escena con solistas de gran traxectoria internacional, artistas da talle de Teresa Berganza, Anthony Pay, Cecilia Lavilla, Ara Malikian, Juan de Udaeta, José Ramón Méndez, Juan Lomba, José Núñez, ou José Luis Estellés.
A Orquestra de Cámara Galega en Monforte interpretará pezas musicais de K. Stamitz, J.S. Bach, R. Groba e L. Boccherini.