Uxía Senlle dará o Concerto de Nadal en Folgoso do Courel o 14 de decembro

A cantante Uxía Senlle dará un concerto de Nadal o vindeiro sábado, 14 de decembro, na Igrexa de Santa Mariña de Folgoso do Courel, ás 12.00 horas.
Uxía Domínguez Senlle, nacida en 1962 en Sanguiñeda, Mos, comezou a súa carreira musical en 1985 tras gañar o Festival de Bergantiños e, ao ano seguinte, publicou o seu primeiro álbum, Foliada de Marzo, con influencias tradicionais. Pouco despois uniuse ao grupo de folk Na Lúa, co que gravou dous discos antes de iniciar a súa traxectoria en solitario en 1991 con Entre cidades, un álbum cosmopolita que incorporou aires urbanos ao seu estilo.
En 1994, participou no espectáculo 'Mujeres a viva voz' xunto con Amália Rodrigues e Maria del Mar Bonet, consolidándose na escena internacional. O seu grande éxito chegou con Estou vivindo no ceo (1995), producido por Júlio Pereira, que renovou a música tradicional galega e a deu a coñecer en Europa, Estados Unidos e Canadá. No ano 2000 lanzou Danza das Areas, unha produción complexa con colaboracións de artistas como Dulce Pontes e Susana Seivane.
En 2008, presentou Eterno navegar, fusionando raíces galegas con influencias portuguesas e africanas. Ademais da súa carreira en solitario, Uxía produciu e compuxo para outros artistas e proxectos colectivos, ademais de participar en bandas sonoras de filmes e documentais.
Representou a Galicia en eventos internacionais como a Expo 98 e o Liet International de 2004, onde acadou o terceiro posto. No ano 2017 recibiu o Premio Rebulir da Cultura Galega pola súa contribución á música galega. En 2022 publicou o disco De tu casa a la mía con Javier Ruibal, no que musican poemas de Rosalía de Castro e Federico García Lorca.