Unha nova obra de teatro chega a Monforte
Chega o vindeiro xoves 4 de novembro a Monforte de Lemos o espectáculo Dreaming Juliet, a nova creación para público adulto do Elefante Elegante. A actuación inspírase na peza Romeo e Xulieta de W. Shakespeare para abordar a cuestión máis esencial da existencia humana: o amor.
A paixón, a familia e a maternidade son os temas intrínsecos da obra e o teatro físico e visual a ferramenta da creación. A peza do dramaturgo inglés é un referente universal porque os seus protagonistas logo de amarse desenfreadamente teñen un funesto final.
Dreaming Juliet pretende reflexionar sobre o futuro de Romeo e Xulieta no caso de que non tivesen morrido.
Así pois, a obra realizarase no edificio multiusos de Monforte ás 20.15 e levaranse a cabo todas as medidas sanitarias correspondentes.