Unha empresa especializada redactará as bases para a renovación do contrato e mellora da xestión da auga do Concello de Monforte

RibeiraSacraXa
A Xunta de Goberno Local aprobou a pasada semana a contratación destes traballos, que inclúen a redacción do expediente completo para a concesión do ciclo integral da auga
xunta-de-goberno-local-monforte
2 Feb 2026

O Concello de Monforte de Lemos iniciou os trámites para renovar o contrato de xestión dos servizos da auga no municipio, que remata o vindeiro mes de xullo tras 25 anos en mans da actual concesionaria, Aqualia. Para iso, o Goberno local decidiu contar cunha consultora especializada que se encargará de elaborar toda a documentación necesaria para a futura licitación pública.

A Xunta de Goberno Local aprobou na sesión do pasado 26 de xaneiro a contratación destes traballos, que inclúen a redacción do expediente completo para a concesión do ciclo integral da auga, que abrangue o abastecemento de auga potable, o saneamento, os sumidoiros e a depuración. O alcalde, José Tomé Roca, deu conta desta decisión ao remate da sesión e explicou que se trata dun contrato de gran complexidade técnica.

“Quixemos contar cunha empresa especializada e con experiencia neste tipo de procedementos porque estamos falando dun contrato de gran envergadura que precisa persoal técnico especializado”, sinalou o rexedor, que avanzou ademais que o Executivo municipal non contempla prorrogar a actual concesión. “A nosa intención é poder licitar o novo contrato no segundo semestre deste ano”, indicou.

Entre os traballos que deberá desenvolver a consultora atópanse a elaboración do estudo de viabilidade económico-financeiro, a memoria xustificativa do contrato e os pregos de prescricións técnicas e de condicións administrativas, documentos que servirán de base para o proceso de licitación e que vincularán xuridicamente ás partes.

O estudo de viabilidade analizará, entre outros aspectos, os custos de explotación do servizo, os gastos anuais, amortizacións, ingresos, suficiencia tarifaria e a viabilidade económica da concesión ao longo de todo o seu período de vixencia, incorporando indicadores como a Taxa Interna de Retorno (TIR) e o Valor Actual Neto (VAN).

Ademais, a empresa redactará informes sobre a estrutura de custos e sobre a oportunidade e conveniencia do contrato, así como a memoria xustificativa, que deberá recoller cuestións como a necesidade do servizo, o procedemento de licitación, o valor estimado do contrato, os criterios de adxudicación e as condicións especiais de execución.

O expediente completarase cos pregos técnicos e administrativos, nos que se definirán tanto as condicións da xestión do servizo de abastecemento e saneamento como o procedemento de selección da futura concesionaria e a relación contractual co Concello. Para a elaboración desta documentación, a consultora irá solicitando ao Concello datos e información actualizada sobre o funcionamento real do servizo.

⚙ Configurar cookies
0.076656103134155