Un total de 11 comparsas e 600 participantes desfilaron este sábado polas rúas de Chantada no Desfile de Entroido

RibeiraSacraXa
En total, este ano repartíronse premios por valor de 4.500 euros
desfile-entroido-chantada
16 Feb 2026

O Desfile de Comparsas do Entroido 2026 organizado polo Concello de Chantada celebrouse este sábado polas rúas da vila coa participación de 11 comparsas que reuniron arredor de 600 persoas nunha tarde na que o tempo acompañou, sen chuvias.

Ata Chantada desprazáronse grupos procedentes do Saviñao, Monforte de Lemos, Dacón (Maside), O Carballiño, Vilamarín e Rodeiro, ademais dos conxuntos locais, nunha cita que volveu converter o Entroido nun dos eventos máis participativos do calendario festivo do municipio.

O Entroido Ribeirao encabezou o desfile dende a avenida de Lugo ata a praza de Galicia, onde cada comparsa realizou a súa actuación diante do xurado, integrado por membros da Orquestra La Travesía, encargada tamén de amenizar a verbena posterior. A entrega de premios correu a cargo do alcalde, Manuel Lorenzo Varela, acompañado por outros concelleiros da corporación.

Na categoría de adultos, o primeiro premio, dotado con 700 euros, foi para 'Guardianes del fuego eterno', de Os Arrieiriños de Dacón (Maside); o segundo, de 500 euros, recaeu en 'De safari por Chantada', do Carballiño; e o terceiro, de 300 euros, foi para 'Liñares Factory Team', de Parada de Amoeiro.

Na categoría infantil, o xurado outorgou o primeiro premio, tamén de 700 euros, a 'Asterix no corazón de Gallaecia', de Chantada; o segundo, de 500 euros, a 'Circo Estrela', do Saviñao; e o terceiro, de 300 euros, a 'Los Minions', de Chantada.

En canto ás categorías locais, o primeiro premio de adultos, dotado con 500 euros, foi para 'Yabba Dabba Doo'. En infantil local, o primeiro premio, de 500 euros, volveu ser para 'Asterix no corazón de Gallaecia'; o segundo, de 300 euros, para 'Los Minions'; e o terceiro, de 200 euros, para 'Ritmo na ribeira. Carnaval Mernes'.

⚙ Configurar cookies
0.084975004196167