Un curso sobre a Ribeira Sacra chega a Monforte este verán
O curso Aire, terra, lume e ar: A Ribeira Sacra, organizado e dirixido por Esther Olveira Olveira e Carolina Casal Chico, trasladará a Universidade de Verán 2021 ao Centro Cívico Social de Monforte de Lemos entre o 15 e o 18 de xuño. As persoas interesadas en consultar o programa poden facelo a través da web da Universidade de Verán.
Os obxectivos desta proposta formativa estival pasan por achegar á cidadanía o espazo xeográfico e social da Ribeira Sacra e a súa contorna, divulgar e pór en valor o patrimonio cultural, material e inmaterial, deste microcosmos, ademais de afondar e implementar os valores de sustentabilidade da Axenda 2030 na conservación e posta en valor desta Paisaxe Cultural, vital de cara aos efectos da candidatura a Patrimonio da Humanidade.
Este curso da Universidade de Verán 2021, para a que se ofrecen un máximo de 50 prazas, está estruturada en 25 horas lectivas, que se desenvolverán en quenda de mañá e tarde. As persoas matriculadas recibirán cadanseu diploma acreditativo unha vez rematadas as sesións programadas. A USC recoñecerá a asistencia a este curso con dous créditos ECTS para o seu alumnado de grao.
O prazo de matrícula neste seminario da Universidade de Verán 2021 permanece aberto ata o 4 de xuño. O prezo da inscrición é de 70 euros, aínda que a USC ofrece unha taxa reducida de 40 euros a estudantes universitarios, de bacharelato ou de formación profesional, pensionistas, desempregado/as, socios da Asociación de Antigos Alumnos da USC e PDI e PAS da USC.