'Two in the Mirror', esta tarde no Círculo Saviñao
'Two in the Mirror', un dúo de versións soul, pop, jazz e funk en inglés, castelán, italiano, portugués e hebreo, actuará esta tarde ás 20.00 horas na rúa Emilia Pardo Bazán, en Escairón.
Composto por Paco Dicenta (baixo eléctrico e loops) e Noelia Álvarez (voz), o dúo formouse hai dez anos e dende entón, debido ao bo resultado do directo e á gran acollida por parte do público, percorreron escenarios de toda España e Portugal. Contan cunha amplia experiencia en todo tipo de locais: pazos, auditorios, prazas, galerías de arte, vinotecas e por suposto, cafeterías.
INTEGRANTES
Paco Dicenta é un músico con máis de 26 anos de traxectoria, presente en innumerables formacións de diversos xéneros musicais (jazz, soul, funk, folk, gospel, rock), actualmente con Aretha Franklin Tribute Band, Oscar Ibáñez & Tribo, Gnomon, Phantom Club, Banda de gaitas provincia de Pontevedra, En Clave de Fado, Jotinhos e moitas máis.
Noelia Álvarez pola súa parte, colabora con diferentes formacións dende hai 18 anos, tamén de diferentes xéneros (rock, soul, hip-hop, funk, gospel) e gravou a súa voz en diferentes traballos discográficos. Na actualidade traballa con Aretha Franklin Tribute Band, Ana Belén Rodríguez García Trio, Chow e a Dilixente Reggae Band e MCarballo Band entre outros proxectos.