Tomé presenta “os orzamentos máis sociais da historia de Monforte”, dotados de máis de 18 millóns de euros

RibeiraSacraXa
A proposta está marcada por máis gasto en servizos sociais e a conxelación de taxas e impostos
tome-orzamentos-monforte-2026
17 Nov 2025

O alcalde de Monforte de Lemos, José Tomé Roca, presentou este luns o proxecto dos Orzamentos Municipais para 2026, que defeninu como “os máis sociais da historia de Monforte”.

A partida total supera os 18 millóns de euros e contempla un aumento no gasto nos servizos sociais, mentres que mantén conxeladas as taxas e os impostos municipais.

O alcalde destacou que o proxecto presenta os orzamentos por undécimo ano consecutivo “en tempo e forma, cumprindo co compromiso que adquirín cos monfortinos e monfortinas no ano 2015, cando cheguei a Alcaldía”. Ademais, no feito de que ningún Goberno anterior no Concello de Monforte mantivera conxelados os impostos e as taxas durante un período tan longo.

O rexedor deu conta do proxecto económico do seu Equipo de Goberno acompañado pola Tenente de Alcalde e Concelleira de Facenda, Gloria Prada, e avanzou que o orzamento será sometido a debate e aprobación no vindeiro Pleno ordinario do Concello, o luns 24 de novembro, para que poida entrar en vigor en xaneiro de 2026.

No repaso das cifras económicas, José Tomé detallou que “a previsión de ingresos e de gastos do orzamento para o ano 2026 é de 18.424.200 euros, case 18,5 millóns de euros, o que supón un incremento con respecto a 2025 de 621.406 euros, é dicir, do 3,49%”. Destes ingresos, 5.588.254 euros corresponden á participación nos Tributos do Estado, e 749.646 euros proceden dos Fondos de Cooperación cos Concellos da Xunta de Galicia.

Por outra banda, o alcalde destacou o IBI reducirase en 140.000 euros con respecto ao ano 2025, cun ingreso previsto de 4.150.000 euros, un 3,37% menos. Respecto á taxa do lixo, subirá 86.837 euros, pasando de 1.700.000 euros en 2025 a 1.786.837 euros en 2026, un 5,1% máis. Dita subida, lembrou Tomé, débese ao incremento do canon de Sogama. En canto á piscina municipal, Tomé recordou a recente posta en marcha das instalacións trala importante reforma integral acometida e avanzou que “xa posta en marcha, prevense uns ingresos de 304.164 euros.

Todo elo, xunto cos demais ingresos e as aportacións de Tributos do Estado e do Fondo de Cooperación, elevan o montante a 18.424.200 euros, sen necesidade de concertar ningún préstamo.

Respecto aos gastos de persoal, o orzamento prevé unha partida de 5.972.140 euros, 210.836 euros por riba da anterior, o que supón un aumento do 3,65% respecto ao orzamento de 2025 e que “corresponde ao previsible incremento salarial que se estableza para o conxunto do Estado”. A suba tamén contempla a cobertura de novos postos, tendo especial relevancia o incremento de 2 prazas na plantilla da Policía Local, que pasa de 18 a 20 membros, 1 axente por cada 1.000 habitantes, así como unha praza de Educadora Social para Servizos Sociais e outra praza de Arquitecto para o Servizo de Urbanismo.

Para gasto corrente, contémplase unha partida total de 10.127.264 euros, fronte os 9.415.157 euros de 2025, o que representa un aumento porcentual do 7,56% motivado principalmente pola portación de 65.500 euros de gasto para o SAF, e ao incremento do lixo, dado que sube o IPC, tal e como ven establecido no contrato, nun 2,40%. Neste punto, o alcalde detallou que aumenta tamén o gasto no Punto Limpo, que terá un incremento de 34.411 euros, pasando de 60.000 euros a 94.411 euros en 2026.

En canto ao servizo de Axuda a Domicilio, Tomé detallou “que figura como gasto corrente, aínda que, como digo sempre, para min non é un gasto, senón que é unha inversión nas persoas”.

No capítulo 4, relativo a subvencións e transferencias, a partida total é de 1.228.924 euros, fronte aos 1.202.857 euros de 2025, polo que aumenta en 26.066 euros, o que significa unha suba do 2,17%, debido a incrementos en subvencións en deportes e subvencións nominativas a entidades. Pola súa conta, o importe destinado a inversións para o ano 2026 ascende a 1.021.923 euros, fronte a cantidade de 1.014.079 euros de 2025, é dicir, un 0,77% máis. O alcalde lembrou que “a isto hai que engadir que temos moitos convenios en marcha e crédito retido en proxectos xa comprometidos, polo que o capítulo de investimentos vai ser moito maior”.

O alcalde destacou o carácter “expansivo, social e inversor” do proxecto económico para 2026, un orzamento que dixo, “é froito do rigor e da boa xestión económica deste Equipo de Goberno, e do traballo que vimos realizando desde que estamos ao fronte deste Concello, hai máis de 10 anos”.

Neste senso, destacou que o orzamento sustentase en “dous piares fundamentais”, que son os servizos sociais e as inversións. “Queda claro que son, efectivamente, sociais, porque o noso obxectivo son as persoas, e que todos os veciños e veciñas que o necesiten, teñan a seguridade de que o Concello vainos apoiar”, dixo.

Así, neste punto de gasto social destaca unha partida de 2.008.000 euros destinada a Servizo de Axuda no Fogar, fronte aos 1.942.500 euros de 2025, 65.500 euros máis, o que supón un incremento do 3,37%. Ademais, mantense a partida de emerxencias sociais en 75.000 euros en 2026.

Tamén crece de xeito destacado a aportación ao programa Xantar na Casa, que contará con 64.855 euros en 2026, fronte aos 44.000 euros de 2025. Este programa, lembrou Tomé, está financiado cun 46,66% pola Xunta, mentres que o Concello e os usuarios asumen o 53,34% restante, tendo as Xuntas a competencia do programa. “Nós asumimos gran parte do seu custe porque este servizo é moi importante, xa que grazas a el, moitos maiores poden seguir mantendo nos seus fogares unha alimentación saudable e sen esforzo. Deste xeito, damos cobertura total aos solicitantes deste programa, 45 persoas na actualidade, de xeito que ninguén quede sen recibir este servizo”, explicou.

Sube tamén a partida do Programa Activa, impulsado polo Equipo de Goberno e que en 2026 aumentará ata as 600 prazas, que pasa de 80.000 euros en 2025 a 101.000 euros en 2026, un 26% máis. “Xunto ao Plan Activa, incrementamos a partida correspondente ás actividades do Campamento Deportivo de Verán, xa que neste caso priorizamos a conciliación de pais e nais durante o período estival. O orzamento do CIM, pola súa banda, sube nun 50%, pasando de 20.000 euros a 30.000 euros, un 50% máis.

No apartado das axudas á adquisición de libros de texto, a partida aumenta ata os 35.000 euros, 5.000 euros máis que en 2025, mentres que as axudas ao transporte para estudantes universitarios e de ciclos formativos ascende a 25.000 euros, 10.000 euros máis.

As partidas para transporte escolar e bus urbano (que seguirá sendo gratuíto) mantéñense en 25.000 euros e 76.975 respectivamente. Neste punto, Tomé lembra que en 2026 estará en funcionamento o novo servizo de Bus Rural, cun custo de 67.074 euros, que beneficiará ás persoas que viven nas parroquias.

No caso da Gardería municipal, o importe destinado a este servizo no orzamento de 2026 ascende a 154.540 euros, fronte aos 145.952 euros, cun incremento do 5,88%. Deste xeito, o Concello sufraga arredor do 95% dos custes da Gardería. O rexedor destacou o apoio do seu Equipo de Goberno ás familias e lembrou que a gratuidade da gardería de Monforte “débese ao Concello, non á Xunta de Galicia, que nin constrúe nin axuda. Esta volve ser unha competencia que debería asumir a Xunta, pero a pesar da crecente demanda, non quere construír unha escola infantil en Monforte, o que leva a que haxa usuarios que se queden sen praza”, criticou.

Pola súa conta, mantense a partida de 12.000 euros para o Conservatorio municipal e a Escola de Música, 15.000 euros para as asociacións culturais, e 12.000 euros para as entidades sociais.
Para o conxunto das actividades culturais durante o ano 2026, aumenta a partida en 40.000 euros, pasando de 100.000 euros a 140.000 euros.

En canto ás inversións, o executivo destina un total de 1.021.923 euros que inclúen como partidas destacadas os 289.137 euros para a nova EDAR do Polígono Industrial do Reboredo, 67.000 euros para a Ronda Urbana e 50.000 para a Senda Peonil.

O alcalde tamén puxo en valor a contía de 30.000 euros destinada á creación neta de emprego por parte das empresas e autónomos, unida “as importantes bonificacións incorporadas no ICIO, IBI e IAE para a creación de emprego”, enfatizou, “o cal demostra o noso compromiso co emprego, e por iso temos a cualificación de Concello Emprendedor”.

O rexedor avanzou tamén o incremento das aportacións para eventos festivos como a Feira Medieval, “co obxectivo de acadar o seu recoñecemento como Festa de Interese Turístico de Galicia”; o Festival do Viño, “para reforzar a promoción dos viños do conxunto da Ribeira Sacra”, e as Festas Patronais, “polas que seguiremos apostando con forza, cun orzamento semellante ao de 2025 no apartado musical, que se incrementará se fora necesario como vimos facendo todos este anos”, indicou.

En canto as subvencións para as festas das parroquias e dos barrios de Monforte, a partida, é de 25.000 euros, asignando a mesma cantidade de 1.000 euros a cada parroquia ou barrio que a solicite.

En definitiva, concluíu José Tomé, “estes orzamentos son, un ano máis, os máis sociais da historia do Concello de Monforte e son uns orzamentos mellorados ano a ano, pensados unicamente por e para os monfortinos e as monfortinas, é dicir, pensados por e para Monforte de Lemos”.

⚙ Configurar cookies
0.078201055526733