Tomé defende a súa inocencia no Pleno e reafirma a súa continuidade á fronte da alcaldía de Monforte

O alcalde de Monforte, José Tomé Roca, volveu defender a súa inocencia este luns durante o Pleno Ordinario celebrado no Concello, despois de ser acusado por un presunto caso de acoso sexual, feito que motivou a súa dimisión á fronte da Deputación de Lugo e a súa renuncia á Secretaría Provincial do PSdeG na provincia.
Porén, decidiu manter a alcaldía de Monforte, cargo ao que chegou, segundo recordou, por decisión directa dos veciños e veciñas nas urnas, a diferenza do sucedido na Deputación. Tras solicitarse a súa suspensión cautelar de militancia, Tomé anunciaba que tanto o alcalde como os concelleiros do grupo socialista pasarían á condición de non adscritos, fórmula que contou co respaldo de membros da executiva do partido pero que tal e como se confirmou este luns, só afecta ao alcalde, manteándose o resto de concelleiros no PSdeG-PSOE. Esta decisión, non obstante, foi duramente criticada pola oposición. BNG, PP e Esperta Monforte reclamaron a súa dimisión durante o pleno, no que Tomé volveu defender publicamente a súa inocencia.
Nunha intervención dirixida tanto ao pleno da Corporación como á cidadanía de Monforte, o alcalde asegurou ser “obxecto dunha serie de acusacións falsas, inxustas, infundadas e carentes de base real”, relacionadas con “supostas condutas inapropiadas que nunca se produciron”. Trátase, asegura, de acusacións anónimas que responden a “unha maniobra política”, motivada, dixo, por non acceder a ningún tipo de actuación inadecuada.
Tomé insistiu en que, ata o momento, non lle comunicaron “nada concreto”, situación que, ao seu xuízo, lle provoca unha “total indefensión”, que cualificou de “inconstitucional”. O alcalde afirma con rotundidade que non cometeu “ningunha irregularidade” e que sempre actuou conforme á legalidade vixente, con transparencia e respecto absoluto polos procedementos administrativos e polos dereitos constitucionais.
O rexidor subliñou ante o Pleno que o seu compromiso co Concello de Monforte está “por riba de calquera estrutura partidaria”, xa que, remarcou, o seu mandato emana da confianza maioritaria dos veciños e veciñas. Por iso, anunciou que non abandonará a alcaldía e que seguirá exercendo as súas responsabilidades “con independencia, honestidade e sentido do deber”.
Así mesmo, asegurou que continuará traballando polo municipio e sacando adiante os proxectos e convenios xa en marcha, ademais de impulsar outros novos. Tomé rexeitou “con firmeza” calquera intento de desacreditación baseado en insinuacións ou acusacións sen probas, que cualificou de “dolorosas e crueis”, e reiterou a súa total disposición a dar explicacións “ante quen corresponda, orgánica ou xudicialmente”.
Durante a súa intervención, o alcalde apelou á presunción de inocencia afirmando que “quen nada fixo, nada ten que temer”. Tamén agradeceu publicamente o apoio recibido por parte de “miles de veciños e veciñas” de Monforte, así como da súa familia, compañeiros e amigos, respaldo que, dixo, lle dá forzas para seguir adiante.
Tomé sostén que o ocorrido é “un dano colateral de algo que a alguén lle saíu mal” e asegurou que non descansará ata descubrir que hai detrás das acusacións. “Indicios xa hai”, afirmou, antes de concluír con tres declaracións tajantes: “Son inocente. A presunta denuncia é falsa. Non pararei ata descubrir o que hai detrás”.