Tomé anuncia medidas ante as avarías na rede de abastecemento de auga en Monforte

RibeiraSacraXa
O Concello esixe a substitución integral, no prazo de dous meses, do tramo de tubaxe que discorre pola marxe dereita da rúa Escultor Francisco Moure
tome-novo-proxecto-mobilidade-monforte
22 May 2025

O alcalde de Monforte de Lemos, José Tomé Roca, informou este xoves pola tarde das medidas adoptadas polo equipo de goberno ante as continuas avarías rexistradas nos últimos meses nas rúas Escultor Francisco Moure e Reboredo.

Tomé comezou a súa intervención repasando a relación contractual coa empresa concesionaria Aqualia, lembrando que “o contrato con Aqualia naceu no ano 2001, baixo o goberno do Partido Popular, e dende o principio foi unha relación difícil, polémica e pouco beneficiosa para o Concello, xa que non se cumpriron nin os investimentos iniciais nin outros compromisos contractuais complementarios”.

O alcalde explicou que entre 2003 e 2015 non se esixiu formalmente o cumprimento das obrigas contractuais de Aqualia. Foi no mandato 2015-2019 cando o actual goberno municipal comezou a realizar esixencias reais á empresa, comezando pola reparación do barrio do Hospital, continuando coa denuncia polo incumprimento dos investimentos, que deu lugar á instalación dunha nova tubaxe na rede xeral de abastecemento, e agora con novas medidas ante as incidencias nas rúas Francisco Moure e Reboredo, xunto á N-120.

Tomé sinalou que na rúa Francisco Moure se produciron 11 avarías en menos de dous anos, seis delas nos últimos cinco meses, o que xustifica unha intervención do Concello con respaldo xurídico, conforme ao asesoramento técnico municipal.

Por este motivo, o goberno local celebrou esta mañá unha Xunta de Goberno extraordinaria, na que se adoptaron as seguintes decisións:

  1. Requirir a FCC Aqualia a substitución integral, no prazo de dous meses, do tramo de tubaxe que discorre pola marxe dereita da rúa Escultor Francisco Moure, entre o Bar Cristal e a vía do ferrocarril, segundo consta no informe técnico do 20 de maio de 2025.
  2. Solicitar á empresa unha solución integral e definitiva para evitar novas avarías no entorno da N-120, garantindo o subministro normalizado ao Polígono Industrial do Reboredo.
  3. Advertir a Aqualia de que, en caso de incumprimento, o Concello procederá á execución subsidiaria das obras a costa da empresa, conforme ao disposto nos artigos 100, 101 e 102 da Lei 39/2015, do Procedemento Administrativo Común.

O alcalde, acompañado pola tenente de alcalde, reuniuse coa xefa de servizo de Aqualia en Monforte e co responsable rexional en Galicia da empresa, aos que se lles comunicou oficialmente o acordo da Xunta de Goberno, coa correspondente orde de execución remitida ás 13:10 horas.

Durante o encontro, a empresa comprometeuse a executar as obras propostas polo Concello, co que o problema na rúa Escultor Francisco Moure quedará resolto nun prazo máximo de dous meses.

José Tomé quixo subliñar que o equipo de goberno actuará sempre con firmeza para defender os intereses das veciñas e veciños de Monforte, e valorou positivamente a disposición de Aqualia para colaborar e resolver unha situación que afecta directamente á calidade do servizo de abastecemento na cidade.

⚙ Configurar cookies
0.19292712211609