Tomé anuncia a construción dunha gran fonte dentro do proxecto de reforma do Parque dos Condes

O alcalde de Monforte, José Tomé Roca, presentou esta mañá o proxecto de reforma do Parque dos Condes, onde s vai construír unha gran fonte que será, segundo as palabras do alcalde, “un novo elemento de atracción turística e un orgullo para todos os monfortinos e monfortinas”.
A fonte, explicou, instalarase no centro do parque, entre a rúa Cardeal e o Cadrado, completando a urbanización da Zona D, actualmente en obras, e “dándolle a toda esta zona un aspecto singular e espectacular, todo elo integrado na trama urbana e paisaxística no conxunto da Compañía e o entorno do Cardeal”.
A actuación ten un orzamento de 677.018,89 euros e financiarase a través dun convenio xa asinado entre o Concello de Monforte e a Deputación de Lugo. O obxectivo, salientou Tomé, é “dotar a Monforte dunha fonte emblemática, que non sexa indiferente para os que vivimos aquí ou para os que nos visitan”.
A licitación do proxecto publicouse este mesmo mércores e as empresas interesadas poderán presentar as súas ofertas ata o 24 de novembro. As mesas de contratación reuniranse os días 26 de novembro e 3 de decembro e, unha vez superada a fase de adxudicación e asinado o contrato, o prazo de execución será de 6 meses, polo que a fonte estará rematada antes de agosto de 2026, para podela desfrutar durante o verán.
Desde a chegada de Tomé á alcaldía, no ano 2015, recuperáronse na cidade as fontes que quedaran sen uso durante a etapa anterior, como a das Casitas, Estación ou Parque da Compañía. Outras, explicou o rexedor, foron eliminadas, como as de Correos, Florida ou Praza de España.
As obras que se proxectan consisten na mellora da zona verde que se sitúa entre a rúa Cardeal e o Cadrado, actuando nunha superficie de 2.850 m2 na que, indicou Tomé, “leva anos sen actuarse e os firmes están deteriorados, así como as zonas verdes, polo que se xustifica unha actuación completa de renovación, tal como se recolle no proxecto”.
No que respecta á fonte, contará cun vaso de 25 m de diámetro na zona central do Parque, onde está agora o pequeno busto do Cardeal, que pasará a situarse no centro da rotonda da nova rúa da Zona D. Arredor dela haberá un paseo de 5 m de ancho ao que se accede directamente dende o Cardeal e tamén dende o resto do Parque por catro accesos. Tanto estes catro accesos como o paseo circundante serán de pedra granítica de 12 cm de grosor, mentres que o paseo da zona máis próxima ao cadrado será de formigón pulido de color xabre.
“A intención é que a Fonte sexa observada desde a rúa do Cardeal coa finalidade de reactivar ese espazo central do parque, integrando elementos modernos para convertelo nun punto emblemático da cidade”, explicou o alcalde.
A nova fonte incorporará distintos modos de programación que se adaptarán aos horarios de maior e menor afluencia, así como a eventos especiais. “Terá un sistema de telecontrol e un software específico que permitirá xestionar de forma remota a programación e os efectos, e contará cun control automático do vento, que axustará a altura dos surtidores para optimizar o consumo de auga e reducir a dispersión en condicións meteorolóxicas adversas”, explicou o rexedor.
O proxecto inclúe cinco tipos de efectos de auga: surtidores verticais dinámicos, efectos parabólicos que crean arcos, surtidores tipo coroa con múltiples saídas e dous modelos con movementos variables de altura e anchura. Todos eles estarán acompañados por focos RGBW DMX que posibilitarán xogos de luces e cores personalizados en función da programación establecida.
O alcalde destacou ademais que o deseño “prioriza a eficiencia enerxética e a sustentabilidade, empregando tecnoloxías que optimizan o consumo de auga e electricidade, xa que o obxectivo é revitalizar a zona con responsabilidade ambiental e un modelo de desenvolvemento urbano sostible”. Engadiu tamén que “a auga será reutilizable e só se repoñerá a que se evapore ou perda polo vento, o que supón un consumo moi reducido”.
En resumo, o rexedor concluíu que “trátase dunha fonte moderna e eficiente, pensada para ofrecer espectáculos visuais con programacións cambiantes que farán posible ter tantas fontes como momentos viva a cidade. Un proxecto que converterá o Parque dos Condes nun espazo de referencia no lecer urbano e na revitalización do entorno público, reforzando o seu atractivo como punto emblemático”.
Pola súa conta, en canto ás zonas verdes, reformaranse os parterres e serán transplantados ou substituídos un arce, un liquidámbar e dous cerezos reubicados dentro do propio Parque ou substituídos por outras árbores da mesma especie con cepellón. Polo que respecta aos acebos, serán transplantados noutras parcelas municipais.
Procederase tamén á mellora da iluminación da zona adaptándoa á nova distribución para o que se colocarán novas farolas similares ás existentes na actualidade. Así mesmo, e co obxectivo de poder desfrutar da nova fonte tanto de día como de noite iluminada, colocaranse o dobre de bancos dos que hai agora para que a xente estea o mais cómoda posible.
