Tomé afronta a súa terceira lexislatura con maioría absoluta
O actual rexedor de Monforte acadou 10 concelleiros, un menos ca nos anteriores comicios, o que non lle quita a maioría absoluta
O Partido Socialista volveu ganar as eleccións en Monforte cunha maioría absoluta fronte ás outras tres forzas políticas que competían pola Alcaldía da cidade do Río Cabe. En total, das 14.743 persoas censadas no Concello, votaron 9.243, o que supón un 62,69 %. Desas, 4.973 votaron a José Tomé, dándolle un total de 10 concelleiros, un menos que nas eleccións do ano 2019.
José Tomé expresou a súa ledicia e dixo que se sente orgulloso de poder “seguir levando o camiño do proceso así como se fixo nos últimos oito anos, pero sobre todo nos últimos 4 anos”. Así como sostivo que “esta é unha boa nova para o futuro de Monforte”.
Pola súa parte, o Partido Popular de Katy Varela mantivo o número de concelleiros representados no goberno local, con 4, aínda que subiu o número de votantes, xa que no 2019 conseguira 2.137 e no 2023 2.314.
Así, desde o grupo popular, quixeron agradecer a todos os monfortinos e monfortinas que lles votaron e aos interventores e apoderados “polo seu imprescindible traballo”. Da mesma maneira, defenden que “seguiremos estando á vosa disposición desde a oposición”.
Con respecto ao BNG, este partido tamén aumentou o seu recoñecemento por parte da poboación monfortina, xa que sumou un concelleiro con respecto aos comicios de hai catro anos, nos que 825 votos déronlle 1 concelleiros, mentres que este ano conseguiron 1.128 votos, o que supuxo 2 escanos.
CONCELLEIROS ELECTOS
- Katherinie Varela Fernandez PP
- Jose Luis Rodriguez Varela PP
- Maria Luisa Vazquez Lopez PP
- Victor Manuel Rodriguez Lopez PP
- Emilio José Sánchez Iglesias BNG
- Manuel Luaces Fernández BNG
- José Tomé Roca PSOE
- Gloria María Prada Rodríguez PSOE
- Ibán Torres Rodríguez PSOE
- María Del Pilar Espinosa Novelle PSOE
- José Luis Losada Fernández PSOE
- Marina María Doutón Rajo PSOE
- José Manuel Mougán Sobredo PSOE
- Regina López Arias PSOE
- Guillermo Díaz Aira PSOE
- Margarita López Rodríguez PSOE
- Jaime Germán Vázquez Pérez IGV
Así, desde o partido nacionalista quixeron agradecer “o apoio e a confianza amosada pola veciñanza nesta cita electoral”. E defenderon que “hoxe continuamente a traballar para a nosa vila cun novo concelleiro, Manuel Luaces”, sostiveron.
Por último, o partido independente Espera Monforte mantivo nestas eleccións o seu concelleiro, Germán Vázquez, que permanecerá no Concello catro anos máis grazas aos 531 votos que obtivo da poboación monfortina.
Así, desde o partido quixeron agradecer aos votantes “que depositaron a súa confianza na nosa formación, seguiremos dando a cara por vós e esperamos non defraudar a vosa confianza”. Ademais, aseguraron que “van ser catro anos intensos, nos que esperamos estar a altura da responsabilidade adquirida”.