Tomé acusa ao PP de mentir e asegura que a súa retribución será de 62.555 euros

O alcalde de Monforte, José Tomé, respondeu este xoves ás críticas do grupo municipal do PP sobre a súa retribución e asegurou que a voceira popular “está mentindo” ao falar dun soldo de 85.307,63 euros. Segundo explicou, a retribución que se vai aprobar ascende a 62.555,01 euros brutos anuais, correspondentes ao exercicio 2026, tal e como recolle un informe da Secretaría Xeral do Concello.
Tomé subliñou que esta cantidade se axusta ás limitacións establecidas pola Lei de Orzamentos Xerais do Estado para as dedicacións exclusivas en concellos cunha poboación comprendida entre 15.001 e 20.000 habitantes. Ademais, destacou que o salario é “notablemente inferior” ao que percibía como presidente da Deputación de Lugo, que este ano sería de 79.978 euros brutos anuais, o que supón unha diferenza de 17.423,81 euros menos.
Estas declaracións prodúcense despois de que o grupo municipal do PP denunciase que o alcalde levará ao pleno do luns a ratificación dun decreto de alcaldía para asignarse, segundo os populares, unha dedicación exclusiva de 85.307,63 euros anuais. A voceira do PP, Katy Varela, afirmou que Tomé toma esta decisión tras perder o soldo na Deputación e cualificou a medida de “unilateral”.
Varela asegurou que, aínda que hai cargos de xestión que deben ser remunerados, dadas as circunstancias “o ético e correcto sería dimitir e, en caso de non facelo, non asignarse unilateralmente semellante soldo”. Ademais, denunciou que o alcalde pretende “comprar o silencio” da corporación municipal, facendo referencia á proposta de incrementar as asignacións por asistencia a órganos colexiados de 150 a 200 euros.