Talía Teatro leva a función 'Desexo' ao multiusos de Monforte
O Equipo de Goberno do Concello de Monforte programa para este xoves 7 de novembro ás 20.15 horas no Edificio Multiusos unha nova obra de teatro, dentro da Rede Galega de Teatros e Auditorios correspondente ó segundo trimestre deste ano 2024.
Así, terá lugar a posta en escena da obra para adultos Desexo, da compañía Talía Teatro, obra escrita e dirixida por Diego Rey e cun elenco artístico de Marta Ríos e Dani Trillo.
A obra está dirixida ao público adulto, cun prezo de 5 euros a entrada xeral e de 3 euros para estudantes, desempregados e xubilados.
Desexo é unha comedia na que o espectador seguirá a varios personaxes a través das súas publicacións nas redes, vendo como van afrontando o seu día a día, as súas relacións, os seus desexos e os seus medos.
É unha obra sobre a pornografía, tanto a real como social, unha reflexión cómica sobre un mundo que cada vez vai máis rápido, onde aprendemos nas redes, e onde todo, absolutamente todo, queda exposto.
A seguinte obra do ciclo de teatro programado polo Equipo de Goberno do Concello de Monforte, esta vez dirixida a público infantil e familiar, será La ratita presumida da compañía Tropos, Teatro de Títeres, que terá lugar o domingo 10 de novembro no Edificio Multiusos ás 18.00 horas, sendo o prezo da entrada xeral de 5 euros e de 3 euros para estudantes, desempregados e xubilados.