Taboada recupera a memoria colectiva cunha exposición de fotografías de celebracións populares

RibeiraSacraXa
Trátase da mostra “Fotografías de tradicións para o recordo”, un proxecto impulsado polas persoas participantes nos grupos de envellecemento activo da Asociación de Familiares de Alzheimer de Chantada
expo-afa-chantada-taboada
26 Mar 2026

O Centro Sociocultural de Taboada acolleu este mércores a inauguración da mostra “Fotografías de tradicións para o recordo”, un proxecto impulsado polas persoas participantes nos grupos de envellecemento activo da Asociación de Familiares de Alzheimer de Chantada (AFA Chantada) nos concellos de Taboada, Chantada, Carballedo e Palas de Rei. A exposición contou co financiamento da Vicepresidencia da Deputación de Lugo.

As fotografías recollen escenas de celebracións populares e comparan imaxes de distintos momentos do tempo, facendo visibles os cambios en edificacións, rúas, campos da festa, vestimenta ou medios de transporte ao longo das últimas décadas. Trátase dunha iniciativa que conecta territorio, tradición e memoria colectiva a través da mirada do propio alumnado participante.

Na inauguración estiveron presentes a deputada de Cultura, Iria Castro, que valorou “a iniciativa que parte do territorio e das tradicións para crear un proxecto conxunto”, o alcalde de Taboada, Roi Agromartín, o tenente alcalde Xosé Portela e representantes de AFA Chantada. Castro destacou tamén que “as actividades se desenvolveron en centros sociais das parroquias, espazos fundamentais para a vida comunitaria e a participación social e cultural no rural”.

A exposición continuará a súa itinerancia polos restantes concellos implicados, baixo a coordinación de AFA Chantada, para achegar a comunidade á memoria colectiva e ás tradicións populares da contorna.

0.096819877624512