Taboada prepárase para celebrar a XXXIV Festa do Caldo de Ósos cun programa cheo de actividades

RibeiraSacraXa
A cita conta un ano máis co apoio da Vicepresidencia da Deputación de Lugo e celebrarase os días 14 e 15 de febreiro
presentacion-festa-do-caldo-de-osos
3 Feb 2026

Taboada prepárase para celebrar a XXXIV edición da Festa do Caldo de Ósos os días 14 e 15 de febreiro. A Vicepresidencia da Deputación de Lugo colabora un ano máis na organización deste evento que recupera e pon en valor unha receita tradicional da zona.

A presentación tivo lugar este luns no Pazo de San Marcos, coa participación da deputada de Cultura, Iria Castro, o tenente de alcalde, Xosé Portela, e o concelleiro de Educación, Benestar e Participación Cidadá, Álex Varela.

O prato principal da cita será o caldo de ósos, unha sopa a base de garavanzos e soá de porco, que poderá degustarse especialmente o domingo. Antes da degustación, Mercedes Vázquez, mestra e promotora de Televinte, ofrecerá o pregón que dará inicio á xornada.

O recinto feiral, situado entre a Praza de Riazón e o campo da feira, contará cun mercado de artesanía con demostracións en directo, unha exposición de razas autóctonas e un amplo programa de actividades culturais e musicais. Entre elas destacan o folión e o desfile de cabezudos organizados pola Asociación Cultural Rechouchíos, un obradoiro infantil de cociña e as actuacións de Cantigas e Frores e da Orquestra Los Satélites.

Ademais da gastronomía, a programación inclúe actividades que poñen en valor a historia e a cultura de Taboada. O venres 13, ás 20:00 horas, inaugurarase a exposición “O legado que nos une”, que reúne fotografías antigas entregadas polos veciños. O tenente de alcalde, Xosé Portela, destacou a importancia da exposición fotográfica, que é “froito dun traballo colectivo porque recolle imaxes cedidas pola veciñanza, e representa o sentido de comunidade e o respecto pola historia e a tradición do que xurdiu a festa do caldo de ósos e que nos propuxemos reforzar desde que en 2023 comezamos a organizar a festa desde a Tenencia de Alcaldía e a área de Cultura”.

O sábado 14 terá lugar o preestreo do documental “Galletas de Xián: un doce legado” e unha cata de produtos artesanais galegos, seguida dunha ruta polos locais de hostalaría do municipio. Ademais, durante todo o fin de semana, varios establecementos de hostalaría locais ofrecerán un menú degustación que inclúe caldo de ósos, costela asada, filloas con mel, queixo con marmelada, viño, auga, refrescos e café, por un prezo de 30 euros. Participan Parrillada Mencía, Tapería Devezo, Casa do Romualdo, Cafetería Scala, Restaurante Anduriña, Parrillada San Martiño, Restauración Urdi e Complexo Turístico Ponte Mourelle.

⚙ Configurar cookies
0.075721025466919