Taboada licita novas obras para mellorar a rede viaria municipal

RibeiraSacraXa
O Concello impulsará nos vindeiros meses actuacións en varias parroquias e prepara tamén a mellora do acceso norte ao núcleo urbano dende a N-540
Bosende-a-Couso-estrada-Taboada
11 Jan 2026

O Concello de Taboada continúa avanzando na mellora da rede viaria municipal e vén de sacar a licitación varias obras neste ámbito, que se executarán ao longo dos primeiros meses deste ano en diferentes parroquias do municipio. As actuacións previstas inclúen a rexeneración íntegra da pista que comunica os lugares de Bosende e Couso, na parroquia de Arxiz, así como o arranxo do acceso ao lugar de Moure Grande, en Campo.

O plan contempla tamén a mellora da pista que dá servizo ao lugar de Cima de Vila, en Vilela, e do acceso aos núcleos de Porto, na parroquia de Torre, ademais do acondicionamento do acceso ao núcleo da Lagoa, en Cicillón. A estas intervencións súmase o arranxo integral da vía que une os lugares de Ramil e Miravalle, na parroquia de Moreda.

Dentro destas actuacións tamén se inclúe o formigonado das vías interiores do lugar de Carballós, en Xian, e o formigonado dun camiño no lugar de Xestoso, na parroquia do Mato, co obxectivo de mellorar a seguridade e as condicións de circulación nos accesos aos núcleos rurais.

Ademais destas obras, o Concello de Taboada iniciou o procedemento de licitación da mellora do acceso norte ao núcleo urbano dende a estrada N-540. Esta actuación incluirá a rexeneración do firme, traballos de limpeza e a instalación de nova sinalización, tanto vertical como horizontal, para reforzar a seguridade viaria nun dos principais accesos á vila.

⚙ Configurar cookies
0.074559926986694