Taboada condena o xenocidio contra o pobo palestino

No último pleno ordinario, o Concello de Taboada aprobou por unanimidade unha moción para mostrar o seu rexeitamento ao xenocidio en curso contra o pobo palestino. Todos os grupos presentes –BNG, PSOE e PP– respaldaron os puntos relacionados coa condena institucional destes crimes.
Así, o Concello aprobou unha declaración institucional de apoio a Palestina e condena do xenocidio perpetrado por Israel, segundo a cal os representantes municipais rexeitan de forma contundente a situación en Gaza.
“Desde outubro de 2023, o mundo asiste a como o Estado de Israel intensificou a súa ofensiva contra o pobo palestino, especialmente na Franza de Gaza, onde alcanza proporcións infernais: sobre unha poboación de dous millóns de habitantes, cóntanse oficialmente máis de 70.000 persoas asasinadas, das cales 20.000 son nenos e nenas, aínda que hai fontes que multiplican estas cifras”, comeza o texto. “A isto hai que sumar a destrución total do 90% dos edificios, o colapso das infraestruturas médicas recoñecido pola OMS, o bloqueo total por terra, mar e aire, o desprazamento forzoso de millóns de persoas, os bombardeos constantes e sistemáticos e o bloqueo da axuda humanitaria, que provocou centos de mortes por inanición”.
O Concello subliña que a situación actual constitúe un xenocidio segundo informes independentes da ONU e recalca a importancia de que as institucións se posicionen fronte a esta barbarie. Neste sentido, a declaración engade: “O Concello de Taboada condena os crimes que está a levar a cabo o Estado de Israel na rexión, especialmente en Palestina e na Franza de Gaza. Igualmente, o Concello comprométese a non tomar parte en iniciativas económicas, políticas ou culturais que directa ou indirectamente contribúan á xustificación ou branqueamento destes crimes. Queremos mostrar a nosa decidida solidariedade co pobo palestino e esiximos a actuación da comunidade internacional para poñer fin á ocupación de Palestina e ao xenocidio en Gaza en particular”. Por todo isto, remata a declaración, “desde Taboada, pedimos paz e liberdade para Palestina e o cesamento do xenocidio”.