Taboada celebra o Entroido este luns con música, premios e festa infantil

O Concello de Taboada, a través da Área de Cultura, organiza es luns unha festa de Entroido que contará coa música de DJ Carballas e coa actuación do Dúo Nerimbo. Este ano, o Concello destinará un total de 640 euros entre os mellores disfraces e comparsas.
Entre as comparsas entregaranse os premios “A Comparsa Máis Tocha” de 200 euros para o grupo máis espectacular e completo, “Creatividade en Manada” de 150 euros para a idea máis orixinal e ben executada, e “Non Sei Quen Son Pero Encántame” de 100 euros para a comparsa máis sorprendente, tola ou inesperada. Nas parellas, os recoñecementos serán o “Dúo Dinámico” de 80 euros, para a parella máis vistosa e conxuntada, e “Tal para Cal” de 60 euros, para a parella que mellor represente dous personaxes inseparables. Ademais, outorgarase o premio “Rei/Raiña do Entroido” de 50 euros ao mellor disfraz individual, destacando a creatividade e o impacto do costume.
Ademais, o Concello organiza unha festa de Entroido infantil que se celebrará o mesmo luns ás cinco da tarde no Centro Cívico, convidando a todos os nenos e nenas a achegarse cos seus disfraces e participar nas actividades.