Taboada busca fotografías antigas para recuperar a memoria colectiva do municipio

O Concello de Taboada vén de lanzar unha convocatoria dirixida á veciñanza para a recompilación de fotografías antigas co obxectivo de crear unha exposición que recupere e poña en valor a memoria colectiva do municipio. A iniciativa enmárcase na celebración da 34ª edición da Festa do Caldo de Ósos e pretende reunir imaxes que reflictan a historia, a vida cotiá e a identidade das parroquias de Taboada.
A convocatoria está aberta a todas aquelas persoas que conserven fotografías anteriores a 1980 nas que se recollan escenas da vida diaria, paisaxes, tradicións ou momentos significativos do concello. As persoas interesadas poderán achegar as imaxes a José Portela ou a Manuel Diéguez ata o vindeiro 22 de xaneiro.
Dende o Concello sinalan que todas as fotografías serán tratadas co máximo coidado. As imaxes serán dixitalizadas para a súa inclusión na mostra e posteriormente devoltas aos seus propietarios, garantindo así a conservación dos orixinais.
A administración local destaca a importancia da colaboración veciñal para construír unha lembranza compartida da historia de Taboada e anima á cidadanía a participar nesta iniciativa, contribuíndo a render unha homenaxe á identidade e á memoria do municipio a través das imaxes do pasado.