Sober presenta o vindeiro 26 de xuño o proxecto Nosoutras
O Concello de Sober programa para o sábado día 26 o acto de presentación do proxecto Nosoutras, que nace co obxectivo de homenaxear ás mulleres do rural galego e visibilizar as condutas machistas que xerminan neste contexto.
Nel, seis testemuñas femininas narran, con auténtica humildade e sinceridade, a súa historia de vida e como lles ten infuído o feito de ser mulleres.
Nosoutras vai ser presentado en dous formatos, trasladando as palabras ao formato papel e tamén, nunha segunda fase, a través dunha peza audiovisual.
Aforo limitado
O sábado 26 de xuño ás 19:00 horas presentarase no salón de actos do Concello de Sober un anaco deste proxecto, amosando e entregando a vida destas mulleres mediante as palabras escritas e invitando así á reflexión sobre o papel feminino na sociedade.
Para participar no acto e, debido a situación xerada pola covid19, o aforo limitarase, sendo necesario reservar praza por vía telefónica, chamando ao 982 460 513 ou ao 628 055 236 de 08:00 a 14:00 e de luns a venres.
O prazo para anotarse comeza o día 9 de xuño e finaliza o día 23 deste mesmo mes. No caso de que se exceda o aforo, programarase unha nova sesión, que se comunicará previamente.
A actividade está financiada pola Secretaría de Estado de Igualdade dentro do marco do Pacto de Estado pola Violencia de Xénero e a súa planificación e elaboración executouse dende os Servizos Sociais do Concello de Sober coa colaboración e contratación da educadora social Selene Arias Sáez.