Sober mellorará a piscina municipal cun investimento total de máis de 164.600 euros

O Consello da Xunta autorizou o convenio de colaboración entre a Xunta e o Concello de Sober para levar a cabo obras de mellora das instalacións da piscina municipal, cun investimento de máis de 164.600 euros, dos que o Goberno galego achega máis de 131.700 euros, o que supón o 80 % do total. Desta contía, 100.000 euros corresponden á este ano e os 31.729 euros restantes á anualidade de 2026.
A Xunta apoia así o municipio de Sober no seu programa de mellora das instalacións municipais, neste caso as da piscina municipal, que, actualmente conta cunha piscina grande, outra máis pequena e unha infantil. Con estas obras preténdese ofrecer unhas mellores condicións ás persoas usuarias e aumentar a oferta de servizos. Os traballos consideran a construción dunha piscina interactiva infantil de maior tamaño á actual á que substituirá. Tamén se construirá unha beirarrúa perimetral á nova piscina, unha pista de vólei praia e un pozo de rega. Ademais, substituiranse os cloradores das piscinas por uns semiautomáticos e colocaranse parasois de breixo.
O Goberno galego colabora nestes traballos co obxectivo de potenciar o deporte base, tendo en conta que o apoio da Administración autonómica a iniciativas deste tipo nos concellos da comunidade permite executar obras que beneficien o conxunto da cidadanía no que se refire á práctica deportiva.
Cómpre lembrar que, no marco do compromiso da Xunta coa dotación de instalacións que permitan adestrar e competir en condicións idóneas aos deportistas desde a base á elite, a Xunta investiu só o ano pasado máis de 22 millóns de euros en case 40 proxectos, tanto a través de axudas da Secretaría Xeral para o Deporte como do fondo adicional do Fondo de Cooperación Local.