Sober dá a coñecer a programación cultural para o verán
O Concello de Sober fai pública a súa programación cultural para este verán, un amplo programa de actividades que encherán a vila de movemento e actuacións para que a veciñanza aproveite dunhas xornadas de ocio e de lecer.
Concertos, actuacións, a Feira Mostra do Viño de Amandi ou as Festas do Carme forman parte desa completa programación que se estende entre o 30 de xullo e o 19 de setembro.
As xornadas comezan con música e bo ambiente o 30 de xullo na praza do Toural co concerto de Galifunk, ás 20.00 horas. O 6 de agosto, continuarase cos concertos, desta vez de Xoán Curiel na praza do Pulpo -22:00 horas-.
O día 7 de agosto a xornada comezará pola mañá, ás 12 horas, cando a Oficina de Turismo acolla o acto de presentación do material arqueolóxico da escavación de Proendos. Así mesmo, nese mesmo día haberá un espectáculo de monicreques nas piscinas municipais, no marco do programa Falaredes, da Secretaría Xeral de Política Lingüística
Os días 11 e 12 de agosto celebrarase a Feira Mostra do Viño de Amandi, cuxo programa completo se dará a coñecer nos vindeiros días. Entre as actuacións confirmadas, a da Banda de Música de Sober e a de Xograres de Lemos.
O 18 de agosto haberá un concerto dos Gin Toni’s na Praza do Toural -22.00 horas- e o día 29 celebrarase a Noita á Luz da Lúa na Parroquia
de Proendos, organizada polo Colado do Vento, que este ano contará coa actuación de Xabier Vizcaíno e Hérbedo. O 21 de agosto actuará a Banda de Música de Muimenta na praza do Toural -20.00 horas-. A mesma praza acollerá o 28 de agosto o Baile á Luz da Lúa coa Banda de Música de Sober.
O 17 de setembro, o grupo Luar na Lubre ofrecerá un concerto na praza do Concello, ás 22.30 horas.
O 18 e 19 de setembro celebraranse as Festas do Carme nas que haberá actividades principalmente para o público familiar e unha actuación da orquestra Los Satélites.
O Concello de Sober habilitará cadeiras para poder seguir as actuacións sentados e as zonas estarán delimitadas e haberá control de aforo garantindo que se cumpran as distancias de seguridade e todas as medidas sanitarias en vigor.