Sober celebra o evento Artesanía de Galicia na Ribeira Sacra
A Fundación Artesanía de Galicia organiza o próximo sábado 21 de agosto en Sober o evento Artesanía de Galicia na Ribeira Sacra, co obxectivo de impulsar a comercialización do feito a man e dar difusión aos oficios tradicionais.
A iniciativa, na que participan 22 obradoiros da marca Artesanía de Galicia, estará aberta ao público nos pendellos do Santuario da Nosa Señora das Cadeiras desde as 11 ata as 21 horas. Así, entre no evento poderanse atopar pezas de olería, madeira, téxtil, xoguetes artesanais, xoiería, traxe tradicional e coiro. Cabe destacar a presenza de representantes de tres dos centros de olería tradicional que continúan activos en Galicia, como son Gundivós (Sober), Niñodaguia (Xunqueira de Espadanedo) e Buño (Malpica de Bergantiños).
Entre os obradoiros participantes, moitos deles asentados na Ribeira Sacra e na súa reserva da biosfera, atópanse Alfarería Agustín (Xunqueira de Espadanedo); Alfarería Lista (Malpica de Bergantiños); Armaior e Enxógate (Quiroga); Artesanía do Caurel (Folgoso do Courel); Bangus (Ourense); Elías de Gundivós e Figulus Olaría Tradicional da Ribeira Sacra (Sober); En lá (Monforte de Lemos); Isabel e a arte (Vilalba); Lucecús (Guitiriz); Lumecú (Vilar de Santos); Macala (Santiago de Compostela); Moura (Maceda); Nobelo a nobelo (A Estrada); Olería do Batán (Baños de Molgas); e Senda Coiro (A Pobra de Brollón).
Ao longo de toda a xornada celebraranse tamén catro obradoiros gratuítos e abertos ao público para achegar os oficios artesanais á sociedade, especialmente aos máis pequenos, e contribuír así a visibilizar a marca Artesanía de Galicia. Así, os artesáns Susana González, de Terralume (A Coruña), e Antón Román (Gondomar) impartirán un taller de iniciación ao torno cerámico. Pola súa parte, María José Martínez e José Antonio Carrera (Vigo) realizarán un obradoiro de creación de cianotipias e outro sobre a técnica de estampaxe xaponesa shitotaku. A artesá Iria Ribadomar, do obradoiro Deica! (Santiago de Compostela), estará á fronte dun de debuxo.