Sober busca o deseño perfecto para o cartel da XLVI Feira do Viño de Amandi

RibeiraSacraXa
O certame de deseño gráfico, dotado con 800 euros, pecha o prazo de participación o 1 de febreiro
presentacion-xlv-feira-viño-amandi
11 Jan 2026

O Concello de Sober ten aberto o prazo para participar no concurso de deseño gráfico do que sairá o cartel anunciador da XLVI Feira do Viño de Amandi, unha cita que se celebrará do 27 ao 29 de marzo, coincidindo coa fin de semana de Ramos. O certame está dotado cun premio único de 800 euros e o prazo de admisión de orixinais pecharase o vindeiro 1 de febreiro.

O Goberno local convoca un ano máis este concurso tradicional, cuxas bases xa foron feitas públicas a través da páxina web municipal e das redes sociais. Poderá concorrer calquera persoa interesada, con traballos en formato A3 e técnica libre, que deberán presentarse en soporte ríxido para facilitar a súa exposición. Cada autor ou autora poderá presentar un único cartel.

Tal e como se vén aplicando en edicións anteriores, quedan excluídas da participación aquelas persoas que resultasen gañadoras do certame en cando menos dúas ocasións, co obxectivo de favorecer a incorporación de novos creadores e creadoras.

Os deseños deberán reflectir o espírito da Feira do Viño de Amandi, poñendo especial atención no sector vitivinícola, así como no patrimonio e na cultura do municipio. Todos os traballos presentados pasarán a ser propiedade do Concello de Sober. O cartel gañador empregarase como imaxe oficial da XLVI Feira do Viño de Amandi, así como nos programas de man e noutro material promocional, mentres que o resto das obras poderán ser expostas se así o considera a organización.

O cartel premiado será propiedade do Concello de Sober, que poderá cedelo a terceiros. A persoa autora renuncia aos dereitos de explotación, conservando unicamente os dereitos de autor para a súa inclusión no currículo profesional.

Para participar, os traballos deberán entregarse nun sobre pechado identificado cun lema, sen ningún dato persoal visible. Nun segundo sobre, tamén co lema, incluiranse os datos do autor ou autora, como nome, enderezo e teléfono de contacto. O cartel deberá recoller obrigatoriamente os seguintes datos: “XLVI Feira do Viño de Amandi. Festa de Interese Turístico. Sober”, a páxina web www.concellodesober.com e as datas de celebración indicadas nas bases, 27, 28 e 28 de marzo de 2026.

A entrega dos orixinais poderá realizarse na Casa do Concello de Sober dende o martes día 9 ata o 1 de febreiro de 2026, en horario de 10:00 a 14:00 horas, ou ben mediante envío por correo postal.

O xurado emitirá o seu fallo dez días despois do peche da convocatoria e o cartel gañador darase a coñecer xunto coa programación do Mes do Amandi. Estará composto por persoas cualificadas na materia e poderá declarar deserto o premio se considera que ningún dos traballos reúne os méritos suficientes. As persoas participantes someteranse á decisión do xurado, que resolverá tamén calquera dúbida non recollida nas bases.

No caso de realizarse un acto público de entrega, a persoa gañadora comprométese a recoller o premio persoalmente ou a estar debidamente representada. Ademais, deberá achegar unha copia dixital do cartel gañador e incorporar os logotipos das entidades patrocinadoras e das redes institucionais facilitadas polo Concello de Sober.

⚙ Configurar cookies
0.088680982589722