Sober aproba un orzamento de 3,1 millóns de euros para 2026

RibeiraSacraXa
O Concello destaca a partida de máis de 1,5 millóns destinada ao benestar comunitario e ás políticas sociais
pleno-concello-de-sober-marzo-2026
3 Mar 2026

O Concello de Sober vén de aprobar os seus Orzamentos para o ano 2026, cun importe total de 3.130.000 euros, nos que se dá prioridade ao gasto social e ás actuacións en infraestruturas e servizos municipais. Segundo o goberno local, máis de 1,5 millóns de euros destínanse ao benestar comunitario e ás políticas sociais, sen que se produza ningún incremento de impostos ou taxas.

O orzamento, sinalan os responsables municipais, garante a igualdade no acceso ao emprego, á formación e á promoción laboral, promovendo a participación activa das mulleres en ámbitos como cultura, educación, política, economía, deporte e saúde. Tamén se inclúen accións de prevención e loita contra a violencia de xénero, aproveitando axudas do Pacto de Estado contra a Violencia e da Secretaría Xeral de Igualdade.

Entre as actuacións previstas, destacan a ampliación da rede de abastecemento ao Xuncal, Celeirón e Areas, o cambio integral da luminaria en Anllo, a mellora de accesos rurais como Cacedo e Outeiro en Bolmente ou a Ribera de Santiorxo, e obras de humanización en Liñarán, Suairexa de Figueiroá e Proendos. Tamén se inclúen a construción dunha pista de vólei praia e a ampliación da piscina infantil, financiadas en parte pola Consellería de Presidencia.

O Concello recibirá financiamento externo, como 60.000 euros de Augas de Galicia para a ampliación da rede de abastecemento e 70.000 euros dun programa piloto de dixitalización do ciclo da auga. Así mesmo, a Consellería do Medio Rural achegará 200.000 euros para melloras de infraestruturas rurais e servizos básicos.

O orzamento contempla ademais a creación dun novo obradoiro compartido, unha brigada de incendios, outra de limpeza e a incorporación dun enxeñeiro forestal a xornada completa. Ademais, recóllese o incremento salarial do persoal municipal previsto para 2026.

A cultura, a educación e o deporte contarán cunha dotación superior aos 500.000 euros. Destaca a creación dunha taxa para o uso do comedor da Escola Infantil, á que o Concello achega máis de 20.000 euros para apoiar ás familias con menos ingresos, de modo que case o 90% dos usuarios recibirán algún tipo de desconto. Mantense tamén a liña de axudas para todos os niveis educativos, así como para festas populares, ANPA e os clubs de fútbol locais.

Como novidade, o Concello participa este ano no programa Sober Alimenta, convocado polo Ministerio de Transición Ecolóxica e Reto Demográfico, cun investimento de 200.000 euros en tres anualidades. O proxecto busca valorizar o patrimonio alimentario e fortalecer o sistema agroalimentario local, co Concello achegando o 20% do financiamento.

0.11952090263367