Sober anuncia a proxección de Live is Life de Dani de la Torre
A película foi rodada en diferentes escenarios da Ribeira Sacra, un deles Sober.
O Concello de Sober anuncia a proxección en pantalla xigante a través de ‘Cine da Rúa’ do último filme de Dani de la Torre, a película Live is Life. La gran aventura.
O pase terá lugar o vindeiro venres 29 de xullo ás 22:30 horas na Praza do Concello de Sober con entrada de balde para quen queira asistir.
O rexedor, Luis Fernández Guitián, destaca a importancia deste evento por dous motivos. “Dun lado agradecerlle a Dani de la Torre que elixira Sober como un dos escenarios da súa nova película. E en segundo lugar, poder achegar este filme a todos os veciños e veciñas de xeito totalmente gratuíto”, precisa.
O rexedor convida a todos e todas os soberinos e os que nos visiten nesas datas a participar da proxección do filme nunha contorna especial, como é a praza do Concello da localidade. “Estamos desexando ver as paisaxes que recolle a película da Ribeira Sacra e do noso Concello en pantalla xigante e en Sober”, remarca.