Sober acolle a exposición de instrumentos medievais A memoria do son
Durante o mes de novembro o Concello de Sober contará coa exposición de instrumentos musicais medievais, A memoria do son. A mostra está organizada pola Colección de Instrumentos Musicais do Centrad (Lugo).
Aínda que a exposición se vai poder visitar dende o día 1 de novembro no Centro Sociocultural, haberá unha xornada de presentación pública o sábado día 6 de novembro que contará coa presenza de Efrén Castro, responsable de Cultura da Deputación Provincial de Lugo, e Luciano Pérez, director do obradoiro de instrumentos e centro de documentación musical do Centrad da Deputación de Lugo.
A exposición
A exposición A Memoria do son está destinada a contribuír nos avances e coñecementos da sonoridade instrumental e vocal medievais.
Un espazo destinado ao pracer da vista, do oído, un espazo para tocar, escoitar e entender o contexto no que foron creados co fin de que a visita resulte máis atractiva e enriquecedora.
Proxectada con vontade divulgadora, permítelles traballar aos docentes diferentes competencias, desenvolvendo, á vez, sentimentos de pertenza e espertando o pequeno investigador que levamos dentro. É accesible a todo tipo de públicos: non especialista, universitario, músicos, mestres artesáns ou investigadores e ofrécenos a posibilidade de contemplar unha ampla representación dos instrumentos musicais máis populares en Europa, desde os albores do século XII ata finais do século XIII.
Precisamente, pensando no público non especializado, a mostra complétase con propostas interactivas e materiais lúdicos. Así, as persoas que a visiten poderán interpretar melodías de cantigas de Afondo X e Martín Códax nun salterio. De cara ao público máis novo, ofrécense dous pasatempos -un crebacabezas e un encrucillado- que incorporan os contidos da exposición de forma lúdica.
A mostra inclúe unha giga, unha rota, unha cítola, unha viola de perna, unha viola de brazo, unha zanfona e un organistro, construídos a partir da documentación iconográfica e literaria conservada en pequenas igrexas, mosteiros e catedrais. Os fondos instrumentais complétanse con melodías accesibles, a través de códigos QR, proporcionando a oportunidade de escoitar o son de cada un deles.
Outras actividades
Está previsto que ao longo do mes do novembro haxa máis actividades musicais en Sober. O día 20 en xornada matinal a Escola Municipal de Música organizará diversas actividades e, pola tarde, Xuventudes Musicais de Sober organiza un concerto da Soprano Míriam Tarragó acompañada ao piano por Carmen Santamaría.