Pantón inaugura este venres unha nova exposición dentro das actividades da Rota do Románico 2025

Este venres 18 de xullo, ás 19:30 horas, a Casa da Cultura de Ferreira de Pantón será o escenario da presentación oficial do VII Fest Clásico Ribeira Sacra e da inauguración da exposición de pintura Ribeira Sacra Cultural, no marco das actividades programadas na Rota do Románico 2025.
O acto comezará coa intervención de Luz Barriga, que será a encargada de dar a coñecer as principais propostas artísticas e musicais do festival, que durante os vindeiros días levará distintas actuacións a espazos emblemáticos da Ribeira Sacra.
De seguido, terá lugar a apertura da mostra ‘Ribeira Sacra Cultural’, unha exposición pictórica que se poderá visitar no segundo andar da Casa da Cultura. A presentación correrá a cargo de Modesto Trigo, representante da Casa Museo Genia Trigo de Gundivós.
Con este acto, o Concello de Pantón reforza o seu compromiso coa promoción da cultura e o patrimonio, apostando por proxectos que combinen tradición, vangarda e identidade local.