Seis vivendas de Chandrexa de Queixa serán rehabilitadas co apoio da Xunta

RibeiraSacraXa
As antigas casas de traballadores do encoro foron recuperadas para destinalas a alugueiro accesible grazas ás achegas autonómicas, que permitiron renovar 32 vivendas en 20 concellos galegos
entrega-vivendas-chandrexa
15 Jun 2025

A conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María M. Allegue, xunto ao delegado territorial da Xunta en Ourense, Manuel Pardo, destacou nunha visita a Chandrexa de Queixa, a aposta do Concello por recuperar antigas vivendas de traballadores do encoro a través das achegas para a renovación de vivendas de titularidade municipal da Xunta. 6 inmobles neste concello beneficiáronse desta axuda para a súa rehabilitación e destinaranse a alugueiro accesible.

A titular de Vivenda e Planificación de Infraestruturas anunciou que a Xunta vén de esgotar o crédito desta liña de achegas, que contan cun orzamento de 1.850.000 euros. Salientou que se adxudicaron axudas para a renovación de 32 vivendas en 20 concellos de menos de 30.000 habitantes, 19 na provincia de Ourense, 3 delas en Chandrexa de Queixa, por 1,8 millóns de euros.

M. Allegue destacou que se incrementou o importe concedido, respecto ao 2024, nun 45%, pasando de 1,27 millóns a 1,8 millóns e tamén ascenderon o número de vivendas recuperadas nun 18% pasado de 27 a 32.

En total, entre 2017 e 2025 a Xunta concedeu axudas para a rehabilitación de preto de 300 vivendas a 106 concellos por un importe de 1. Por provincias, en Ourense beneficiáronse 46 concellos e se acadaron 121 vivendas, en Lugo 31 concellos e 87 vivendas, en Pontevedra 19 concellos e se obtiveron 54 vivendas e por último en Coruña, 10 concellos e se renovaron 22 vivendas.

M. Allegue subliñou que esta convocatoria destas achegas busca ampliar o apoio aos concellos para impulsar estas actuacións en edificios da súa titularidade, como poden ser as antigas vivendas de mestres ou outros oficios. Deste xeito, as axudas esténdense agora aos que conten con menos de 30.000 habitantes, cando antes se limitaba aos de menos de 20.000.

“Con estas achegas -subliñou a conselleira- non só creamos novos fogares, novas vivendas públicas, desta vez municipais, senón que recuperamos patrimonio e tamén axudamos a asentar poboación nos concellos de menos de 30.000 habitantes”.

As axudas autonómicas poden acadar ata o 95% do orzamento das obras, podendo chegar ata os 50.000 euros por vivenda rehabilitada, que ascenden a 55.000 no caso de que se atopen nun ámbito histórico ou nun ámbito dos Camiños de Santiago ou da Ribeira Sacra, como é o caso de Chandrexa da Queixa e a 57.000 se a vivenda está nunha área Rexurbe.

⚙ Configurar cookies
0.16163897514343